Representantes da vida cultural local actualizaron na USC o estado das políticas municipais nestes ámbitos
Máis de cincuenta representantes da vida cultural local interviñeron estes días no Congreso do Proxecto Interea nunhas sesións nas que actualizaron o estado das políticas municipais de educación e cultura, así como as experiencias e iniciativas asociadas a esta acción pública. Os expertos puxeron de manifesto o “destacado papel” das Universidades galegas como escenarios de formación, investigación e divulgación científica e social.
O congreso que se desenvolve en Ciencias da Educación baixo o lema ‘De estudantes a profesionais na acción socioeducativa e cultural local’ clausúrase na tarde deste venres nun acto que presideo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos. Estará acompañado da vicerreitora de Estudantes e Relacións Internacionais da Universidade da Coruña, da presidenta do evento e dos dous coordinadores do convenio subscrito coa Deputación da Coruña para desenvolver o Proxecto interea, José Antonio Caride e Héctor Pose. Antes da clausura intervén o monologuista Rober Bodegas, presentando en clave de humor as conclusións do congreso.
Nesta última xornada, o director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Manuel Oliveira, falou de arte contemporánea destacando que esta vive e goza “coas mesmas cousas que nos emocionan a todos”, porque o seu propósito é “axudar a ter ferramentas para entender as problemáticas da realidade na que vivimos, traballando con elas para xerar coñecemento sobre nós e sobre o mundo”. Na mesma mesa, dedicada a contextos socioeducativos para aprender nas artes e educar no patrimonio, presentáronse distintos plans e programas en ámbitos como lecer, creación artística, educación ambiental e interpretación patrimonial.
Xa durante a tarde, as actividades congresuais finalizarán representando a transición ao mundo laboral, dende a condición de estudantes cara a condición de profesionais, onde as universidades veñen xogando un papel cada vez máis relevante na orientación cara ao emprego e ás iniciativas emprendedoras.
De cultura con culturaAo longo destes tres días a Universidade acolleu a máis de 400 participantes nun evento, o Congreso Interea, de cultura e con cultura, onde ademais das conversas asociadas aos contidos do congreso prevaleceron as experiencias e iniciativas culturais programadas, con visitas, concertos, proxeccións, forums e debates.