O Requiem de Gabriel Fauré soará este sábado no Paraninfo da Universidade

O Requiem de Gabriel Fauré soará este sábado 3 ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade nun concerto organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) coa colaboración da USC. Dentro da programación habitual da Asociación, o recital consta de dúas partes que permitirán escoitar ao completo o afamado ‘Requiem’ do compositor francés. Con entrada de balde, Joan Company dirixirá o concerto con Ludimla Orlova ao piano; Luisa López e Lía Celemín como sopranos solistas; Lucas López e José L. Vázquez, barítonos solistas; e co Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Segundo destacan os promotores deste concerto, o Réquiem en re menor, Op.48 por Gabriel Fauré é unha das máis populares misas de réquiem, escrita entre 1886 e 1888 e interpretada por vez primeira na Igrexa da Madeleine de París a comezos de 1888. A peza consta de sete partes e unha duración que sobrepasa a media hora. O réquiem centrará a segunda parte do concerto, que virá precedido por un repaso a diferentes composicións e autores, entre outros John Rutter, Félix Mendelssohn, Javier Busto ou Javier Fajardo.