A residencia universitaria ‘Bal y Gay’ dona ao Banco de Alimentos víveres e roupa recollidos nunha campaña solidaria polo Nadal

A residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo vén de formalizar a doazón ao Banco de Alimentos de Lugo dos víveres recollidos ao abeiro da campaña de solidaria aberta este mes de decembro co gallo das festas de Nadal e coa que se conseguiron recoller alimentos non perecedoiros e roupa.
Os promotores desta campaña altruísta manifestaron a súa satisfacción polo éxito de participación nesta iniciativa, ao tempo que manifestaron publicamente o seu agradecemento a todas as persoas que colaboraron coa doazón de alimentos. O obxectivo desta iniciativa, promovida desde a dirección da residencia universitaria Jesús Bal y Gay en colaboración coa bolseira de Sociocultura e Internacionalización, Andrea Hermo, pasa por contribuír dalgún xeito a que as persoas máis necesitadas poidan recibir alimentos e satisfacer así as súas necesidades básicas.