Ir o contido principal

Resoltas as axudas da Cátedra do Camiño a proxectos de investigación sobre a ruta xacobea

Esta cátedra institucional é froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia. FOTO: Santi Alvite
Esta cátedra institucional é froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia. FOTO: Santi Alvite
Os profesores da USC Isabel Morán e Israel Sanmartín, así como Xosé Sánchez da UVigo, analizarán, respectivamente, a peregrinación a Compostela na orixe do teatro portugués, o Camiño de Santiago na novela histórica, así como o acto de peregrinar na Idade Media
Santiago de Compostela

A peregrinación a Compostela na orixe do teatro portugués, o Camiño de Santiago na novela histórica, así como o acto de peregrinar na Idade Media conforman as tres liñas de investigación que acaban de obter financiamento ao abeiro da convocatoria impulsada pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións. Esta cátedra institucional é froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia.

A profesora da USC na Facultade de Filoloxía Isabel Morán quere deixar  constancia no seu proxecto  do  impacto  da  peregrinación  a  Santiago  de  Compostela  no  espectáculo  (pre)teatral  portugués  a través  dunha  análise  literaria,  social  e  histórica  dunha peza datada en 1502 e recollida no Cancioneiro Geral, primeira compilación poética editada  en Portugal.

Israel Sanmartín, profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC, acometerá na súa investigación as representacións contemporáneas do Camiño de Santiago nas novelas históricas. Nese marco, estudarase a representación medieval sobre o Camiño que aparece nas novelas, os seus editores, os autores, o seu contexto de produción e o seu contexto de recepción. A investigación analizará diferentes novelas históricas recentes, dende os anos cincuenta do século XX.   

Pola súa parte, Xosé Sánchez da UVigo propón a análise e definición dos ritmos  e formas da peregrinación xacobea medieval marcadas polo tempo cronolóxico e a súa influencia, tanto no fluxo dos itinerarios como no transcurso das xornadas e a percepción dos  individuos.

Nova convocatoria

Asemade, esta Cátedra institucional da USC acaba de convocar a cuarta edición do premio a Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Master (TFM) sobre o Camiño de Santiago e as peregrinacións. Poderá presentarse a estes premios o alumnado que defendera durante o curso académico 2020-2021, un TFG ou TFM que tivera como tema de estudo algún aspecto relacionado coa ruta xacobea baixo diversos aspectos (históricos, culturais, xeográficos ou turísticos, entre outros), e que tivera acadado a máxima cualificación académica (sobresaliente) por parte das respectivas comisións. Outorgarase un único premio en metálico de 500 euros xunto co correspondente diploma acreditativo. O  prazo  de  presentación pecharase o 5 de outubro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2021.