Resolto o certame audiovisual para a promoción do galego ‘Explícoche Matemáticas 2.0’
Carmen Castelo Monteagudo, Inés Prado Justo e Noa Salinas González do IES Isaac Díaz Pardo proclamáronse vencedoras do certame ‘Explícoche Matemáticas 2.0’ co vídeo titulado ‘Cero e os infinitos’. Titorizadas pola profesora Beatriz Máquez Villamarín, as estudantes recibirán un premio de 200 euros no marco deste certame que pretende promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais.
O segundo galardón, dotado con 100 euros, foi para Carla Dopazo Pavón e Santiago Vilas Subirán do IESP Eusebio da Guarda polo vídeo ‘Teoría de grafos en 2 minutos’. A titora foi Beatriz Sixto Rodríguez. Finalmente, o xurado decidiu outorgar dous terceiros premios, dotados de 50 euros cada un, a Rocío Rodicio González do Colexio Santa Teresa de Jesús (Ourense) e a Lucía Yáñez Carrasco, Mónica Diz Rodríguez e Mª José Dosil Villavicencio do IES Otero Pedrayo. O vídeo de Rocío Rodicio, quen tivo como titor a Nuno Ferreira Doval, leva por título ‘Domingo Fontán’; mentres que ‘Teoría de grafos’, titorizado por Rosa Mª Álvarez Nogueiras, é o título do traballo de Lucía Yáñez Carrasco, Mónica Diz Rodríguez e Mª José Dosil Villavicencio.
Explícoche matemáticas 2.0 é un concurso que convoca a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e que xa vai pola súa undécima edición. Nas súas diferentes edicións participou tanto alumnado das universidades públicas de todo o Estado español (de todas as titulacións de grao, mestrado e doutoramento) e tamén alumnado de 3º e 4º da ESO e de bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes en grupos cun máximo de tres estudantes dirixidos por un profesor ou profesora. Porén, a partir da edición de 2023 o concurso centrouse neste último colectivo.
O obxecto de Explícoche Matemáticas 2.0 son vídeos nos que se aborde un tema relacionado coas matemáticas, cunha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos, vehiculados en galego e utilizando calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico. O xurado desta última edición estivo composto por Elena Vázquez Cendón (presidenta), Alberto Cabada Fernández, Rosa M. Crujeiras Casais, Miguel Domínguez Vázquez (secretario), Antonio García Rodicio, Francisco Morales Vidal, Tomás Otero Casal , Carmen Rodríguez Iglesias, Carmen Trillo Sendón, Artur Vázquez Rego, Manuel Bermúdez Blanco (representante do Servizo de Normalización Lingüística da USC), María Graciela Pérez Santalla (representante de profesorado de ensino medio), Brais Prieto Moure (con formación técnica en materiais audiovisuais) e Gemma López Sixto )gañadora de edicións anteriores).