Ir o contido principal

Resolto o certame de subtitulación ao galego de vídeos de divulgación científica #traduceTED2024

Imaxe do certame
Imaxe do certame
A convocatoria impulsada dende o Servizo de Normalización Lingüística da USC repartiu 1.300 euros en premios

O certame #traduceTED2024 para recoñecer a calidade da subtitulación ao galego de charlas e vídeos TED de divulgación científica acaba de emitir o ditame correspondente á súa décima edición. Paola Costa Villanueva, polos subtítulos ‘En busca da materia invisible que forma o universo’, elaborados para o vídeo ‘The search for the invisible matter that shapes the universe’, de Chanda Prescod-Weinstein, obtivo o primeiro premio na modalidade A, dirixida á comunidade universitaria. Pola súa parte, María Suárez Seijas, polos subtítulos ‘Unha sinxela pregunta que podería mellorar a saúde das mulleres’, elaborados para a peza ‘1 simple question that could improve women's health’, de Meryam Sugulle, acadou o primeiro posto na categoría para participantes que non pertencen á USC (modalidade B). Cada unha das gañadoras, recibirá un premio de 300 euros. 

Na modalidade A, tamén resultou novamente premiada Paola Costa Villanueva, que obtivo o segundo premio nesta categoría polos subtítulos ‘As matemáticas poden axudar a revelar as incógnitas do cancro?’, elaborados para o vídeo ‘Math can help uncover cancer's secrets’, de Irina Kareva. Este premio está dotado con 250 euros. Finalmente, o terceiro galardón da modalidade centrada na comunidade da USC, dotado con 200 euros, recaeu en Rosa María Peña Crecente, polos subtítulos ‘Por que non se pode meter metal no microondas?’, elaborados para o vídeo ‘Why can't you put metal in a microwave?’, de Aaron Slepkov.

No marco da categoría dirixida a participantes alleos á USC, resultou premiado co segundo galardón de 250 euros, Diego Rodríguez Vila, polos subtítulos ‘Un plan audaz para renaturalizar a Terra a escala masiva’, elaborados para o vídeo ‘A bold plan to rewild the Earth — at massive scale’, de Kristine McDivitt Tompkins. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2024.