Ir o contido principal

Resolto o I Concurso de Edición da Galipedia

O certame diríxese a toda a comunidade universitaria
O certame diríxese a toda a comunidade universitaria
O certame premia a edición de artigos das áreas de matemáticas, psicoloxía e enxeñarías química e informática

A Universidade de Santiago lanzaba a comezos de ano o I Concurso de Edición da Galipedia, dirixido a toda a comunidade universitaria co obxecto de promover a produción e a difusión de artigos de calidade contrastada en lingua galega na Galipedia (wikipedia en galego) nas áreas de matemáticas, psicoloxía e enxeñarías informática e química.

O certame promovérono as comisións de normalización lingüística da Facultade de Matemáticas, da Facultade de Psicoloxía e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, que idearon premiar quen editase un artigo ou un conxunto de artigos sobre as materias que se imparten neses centros, ben creándoos de novo ou ben mellorando de forma significativa algúns xa existentes.

Logo de reunirse en días pasados, o xurado acordou outorgar o primeiro premio da categoría de Matemáticas a Antón Figueroa Martínez e o segundo a Pablo Soutullo Parada. Na de Psicoloxía a gañadora foi Luz Isabel Leirós Lobeiras, e o segundo repartiuse ex aequo entre María Álvarez Ozón e Alba Felpete López. Por último, a gañadora no ámbito das Enxeñarías Informática e Química foi Laura Salgueiro Sánchez, mentres que Óscar Mirás Sánchez se fixo co segundo premio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2024.