Resoltos os XII Premios á calidade lingüística dos traballos académicos
O xurado dos XII Premios á calidade lingüística dos traballos académicos declarou gañadores desta edición a Alba Ben García de 3º curso de Enfermaría polo traballo ‘Diálise peritoneal e hemodiálise; Carlos Fernández Leira de 4º de Física por ‘As matemáticas do que somos’; Lidia Gómez Martínez, de 3º de Filoloxía Galega por ‘Lingua e clase nas telenovelas: a dobraxe galega de Pasión de Gavilanes’; e Fernando Riveiro Formoso de 4º de Economía por ‘Crecemento económico e medio ambiente’. Cada un dos traballos premiados corresponde a catro grandes áreas de coñecemento, quedando deserta a de Enxeñaría.
O xurado destacou á vista das doce candidaturas recibidas que “as habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado da USC semellan moi satisfactorias”. Cada un dos traballos premiados recibirá un premio en metálico de 150 euros e un diploma acreditativo que serán entregados oficialmente nun acto académico a comezos do vindeiro ano, onde tamén se entregarán os premios á calidade nas modalidades de fin de máster, fin de grao e fin de carreira e cuxos ditames se coñecerán a finais de outubro previsiblemente.
Os Premios á calidade lingüística pretenden fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Concretamente incentiva no estudantado o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, deseño ou coherencia, entre outros aspectos.