A responsabilidade en materia de prevención de riscos laborais, a debate nunha xornada técnica na Facultade de Ciencias
O Salón de Actos da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo serviu de marco para a celebración da xornada técnica 'Responsabilidades en materia de prevención de riscos laborais', organizada pola USC e a aseguradora Mutua Universal. Ademais destas dúas entidades, colaboraron tamén no encontro o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), a Inspección de Traballo e Seguridade Social e a Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais. O programa comezou cunha primeira intervención a cargo de Francisco Javier López Borrazás, director territorial de Mutua Universal. A continuación Cristina Faraldo, profesora do máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental da USC falou sobre a responsabilidade penal en materia de prevención de riscos laborais, mentres que Nicolás González, xefe de Inspección de Traballo e Seguridade Social de Lugo, desenvolveu o relatorio 'Responsabilidade administrativa en materia de prevención de riscos laborais. Criterios de Inspección de Traballo'. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, foi o encargado de clausurar unhas xornadas nas que o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, exerceu como moderador.