O responsable do Departamento de Bioinformática do Centro de Investigación Príncipe Felipe de Valencia intervén este venres no Ciclo de Charlas sobre Xenética Médica
O responsable do Departamento de Bioinformática do Centro de Investigación Príncipe Felipe de Valencia, Joaquín Dopazo participa este venres 1 de febreiro no Ciclo de Charlas Xenética Médica 2008 cunha intervención sobre "Achegas da bioloxía de sistemas á análise de dados xenómicos". A sesión comezará ás 13:00 horas na Aula 2 do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Joaquín Dopazo aborda problemas biomédicos dende a perspectiva da bioloxía de sistemas, con especial atención a tres áreas como son a Farmacoxenómica e xenómica comparativa, a xenómica funcional e a xenómica estrutural.
As súas liñas de investigación inclúen a análise funcional de datos xenómicos, transcriptómicos e estruturais para comprender o funcionamento da célula e as desregulacións que dan orixe ás enfermidades. Ademais traballa no desenvolvemento de algoritmos para a análise de datos de expresión xénica procedentes de microarrais de DNA, na anotación funcional de experimentos, na xenómica comparativa e nos polimorfismos funcionais.