Ir o contido principal

Responsables da Aneca e da Acsug presentaron na USC os novos programas de avaliación

A USC celebrou este luns no Centro de Estudos Avanzados unha xornada na que representantes da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (Aneca) e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) presentaron os seus novos programas de avaliación. Na xuntanza presidida polo reitor Senén Barro, o coordinador de Innovación da Aneca, Eduardo García, presentou o Programa Docentia e o director da Acsug, Julio Abalde, os programas Audit, Verifica e Acredita, diante dun auditorio formado por membros do Consello de Dirección, decanos e directores de centros, coordinadores dos Programas Oficiais de Posgrao da USC e persoal da Área de Calidade.
Hai case dúas décadas que a USC comezou o seu traballo no ámbito da avaliación do profesorado, esforzo que logo se viu fortalecido cos proxectos de avaliación da calidade universitaria das titulacións PNECU I e II, PCU (a través do Consello de Universidades), e posteriormente coa Aneca cos PEI e a Acsug. Coas presentacións de hoxe, a USC “demostra a estar na primeira liña de traballo no ámbito da calidade e mirando cara a Europa”, sinalaron os responsables de Calidade universitarios.
Nos próximos días a Universidade de Santiago porá en marcha a convocatoria 2007 de axudas para o desenvolvemento de accións de mellora da docencia no marco da construción do Espazo Europeo de Educación Superior. O obxecto desta iniciativa é estimular as actividades de mellora da calidade docente que se realizan no ámbito da USC, financiando a posta en marcha de accións que supoñan un avance no proceso de converxencia europeo e que necesiten recursos adicionais aos que posúe o centro ou titulación.
Os programasDocentia é un novo programa de avaliación do profesorado que fai uso de toda a experiencia positiva lograda ao longo de todos estes anos e, segundo explicaron hoxe, unha mostra do traballo “en común” no ámbito universitario a través das axencias que orientan as liñas de acción na calidade. O programa está construído xa como unha das pezas do que serán os sistemas de garantía de calidade das titulacións, instrumentos que artellarán as futuras acreditacións.
Docentia recolle todos os factores que interveñen no resultado final dun profesorado de excelencia no que hai que ter en conta elementos como os indicadores académicos, a adecuación dos perfís aos obxectivos das titulacións, os recursos para a docencia, a satisfacción dos estudantes e do profesor, o índice de alcance dos obxectivos académicos, a formación pedagóxica ou a innovación docente, entre outros. O abano destes elementos abre unha nova perspectiva de avaliación para o profesor moito máis ampla, que lle vai permitir coñecer en cada momento cales son os aspectos máis fortes do seu perfil e cales poden mellorar. Para os centros e para a USC será un elemento “tremendamente eficaz” para coñecer os que se deben reforzar. Neste senso, a vicerreitor de Calidade, María Dolores Álvarez, fixo un chamamento aos responsables académicos para participar de xeito activo no desenvolvemento deste programa pola súa importante incidencia na vida universitaria.
Pola súa banda, o programa AUDIT foi concibido para apoiar ás universidades no deseño de mecanismos de garantía interna de calidade das ensinanzas que integren todas aquelas actividades desenvolvidas ata agora para conseguir un conxunto ordenado e sistematizado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2007.