Ir o contido principal

Responsables de educación de quince países europeos reúnense en Santiago en torno ao programa Comenius

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu este luns a conferencia final do Proxecto Europeo Comenius-Regio ‘Collaborative Learning in Information Communication Technologies- CLICT’ coordinado polo Grupo de Tecnoloxía Educativa da USC e o CPI O Cruce da Consellaría de Educación. A reunión inaugurouna a vicerreitora de PDI, Carmen Fernandez Morante, xunto co director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación da Xunta de Galicia, Jose Luis Lema Mira; o xefe de Servizo Comenius do Organismo Autónomo de programas Educativos Europeos adscrito ao Ministerio de Educación, Andrés Ajo Lázaro; a directora do CPI O Cruce, Milagros Trigo; e o responsable do servizo de mocidade de Devon (Inglaterra), Geoff Tew. Nesta xuntanza daranse a coñecer a profesores e inspectores de educación de quince países europeos os resultados do proxecto que entre 2009 e 2011 se orientou ao desenvolvemento conxunto en España e Reino Unido dun programa de formación de alumnos de secundaria en competencias TIC. As asociacións Comenius Regio teñen por obxecto promover o desenvolvemento de actividades de cooperación entre autoridades locais e rexionais activas no eido da educación infantil, primaria e secundaria en Europa. Visita de estudo

Coincidindo no tempo, e como xa é tradicional, iníciase tamén esta semana en Santiago unha visita de estudo Comenius de profesionais da educación de diferentes países europeos coa finalidade de debater sobre cuestións educativas e xerar novas ideas e proxectos no marco do Lifelong Learning Program (LLP). En concreto, esta visita de estudio xira en torno ao desenvolvemento de escenarios flexibles de aprendizaxe baseados nas TIC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2011.