Ir o contido principal

Responsables do goberno e dos servizos de xestión da USC fórmanse na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible

O reitor Antonio López abriu a xornada celebrada en San Xerome. Foto: Servimav-USC
O reitor Antonio López abriu a xornada celebrada en San Xerome. Foto: Servimav-USC

O Salón Reitoral de San Xerome acolleu este venres 16 a primeira das tres xornadas previstas de formación e traballo sobre a implemantación na institución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que marca a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible aprobada en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Nas sesións participan todos os membros do equipo de goberno e os xefes e xefas de servizos da USC chave na implementación da Axenda, de obrigado cumprimento.

A axenda presenta 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) divididos en 5 grandes grupos (as coñecidas como 5P): Persoas, Planeta, Prosperidade, Paz e Alianzas (Partnerships). En España é o Alto Comisionado para a Axenda 2030 o que asume o Plan de Acción para a Implementación da Axenda 2030 cara unha Estratexia Española de Desenvolvemento Sostible, e en Galicia tamén foi publicado un informe de achegas. Á súa vez, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) traballa no fomento da Axenda e dos ODS por parte das universidades.

Para as universidades a Axenda 2030 debe constituír unha oportunidade para responder aos desafíos do mundo, ser responsable da construción dun mundo comprometido co desenvolvemento sostible e integrador, a xustiza, a dignidade, a igualdade das persoas e o medio ambiente, respondendo así aos desafíos que presenta o contexto mundial para as universidades e para a sociedade internacional no seu conxunto.

En liña con estas accións, e comprometida coa súa dimensión cívico social, a Universidade de Santiago de Compostela comezou hoxe coas sesións formativas, que serán un punto de partida cara a toma de decisións e o deseño de accións. Na xornada deste venres, guiada pola coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Silvana Longueira Matos, analizáronse os retos e as oportunidades que enfronta a universidade compostelá no logro dos ODS así como a súa implicación nos documentos oficiais, poñendo o foco no Plan Estratéxico e na elaboración da actualización do Plan de Desenvolvemento Sostible.

Axenda de traballo
Xa o luns 19, o coordinador do Grupo de Investigación de Análise e avaliación de políticas de desenvolvemento e cooperación internacional da Universidade do País Vasco, Jorge Gutiérrez Goiria, abordará a coherencia de políticas e a responsabilidade social universitaria (RSU). Ese mesmo día participará no debate Jorge Solana Crespo, asesor do Alto Comisionado para a Axenda 2030 e o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa, quen falará das accións operativas para trasladar o contido das sesións ao plano das accións e a elaboración do Plan Estratéxico da USC.

O programa formativo rematará o día 26 coa análise dun exemplo concreto, o caso da implementación de medidas que garantan o comercio xusto e a compra pública ética. Guiarán a sesión David Comet, da Cooperativa IDEAS; María Paz, directora de Solidariedade Internacional de Galicia, e Gonzalo Gesto, avogado e activista en movementos sociais de economía alternativa e solidaria.

A coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Silvana Longueira Matos, foi a encargada de impartir esta primeira xornada. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2018.