Ir o contido principal

Responsables de Lonza Biologics Porriño visitaron Campus Vida

Responsables de Lonza Biologics Porriño visitaron Campus Vida
Responsables de Lonza Biologics Porriño visitaron Campus Vida

O director xeral de Lonza Biologics Porriño SL, Luis Sánchez, visitou este luns varios centros singulares do Campus de Excelencia Internacional da USC. Sánchez estivo acompañado da directora técnica da empresa, Mónica Valladares, e da de Recursos Humanos, María Santos.

A visita comezou cun percorrido polas instalacións do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) para continuar polo de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS). A continuación, os responsables de Lonza ofreceron unha charla na que presentaron Lonza Group Ltd. e máis concretamente a planta que esta compañía multinacional ten en Porriño. Falaron ademais dos procesos de produción de proteínas recombinantes e anticorpos monoclonais mediante cultivos celulares que se desenvolven nesa factoría.

A actividade de Lonza en Porriño comeza en 2006 adquirindo unha fábrica de cultivos celulares mamíferos para transformala nunha importante unidade de negocio multi-produto que ofrece servizos integrais na fabricación de proteínas recombinantes a clientes dos sectores biotecnolóxicos e farmacéuticos. Lonza Biologics Porriño é ademais referente nacional na oferta de servizos analíticos avanzados para a caracterización de proteínas e soporte de procesos produtivos no ámbito biotecnolóxico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2012.