A restauración de zonas queimadas abre no Campus Terra os programas de innovación educativa en Aprendizaxe-Servizo na USC
O proxecto de innovación educativa ‘Restauración de zonas incendiadas’, coordinado polo profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, Agustín Merino, abre este martes a programación dos 15 programas de innovación educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS) aprobados pola USC na convocatoria deste ano.
A Aprendizaxe-Servizo (ApS), descrita unha metodoloxía de innovación educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade, posibilita ao alumnado traballar sobre as necesidades reais da contorna, o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (Crue) recoñeceu en en 2015 a importancia da institucionalización da ApS como estratexia docente dentro do marco da responsabilidade social universitaria para a promoción da sustentabilidade. Consciente desta demanda, a USC vén de implantar un plan de actuación destinado a dar formación e impulsar proxectos de innovación educativa neste campo. Neste contexto é no que se desenvolve o proxecto ‘Restauración de zonas incendiadas’, unha iniciativa que estará guiada polos estudantes Martín Rodríguez Padorno, alumno do grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, e Noemí Santiago Parada, estudante do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza. Estes dous universitarios guiará este martes, a partir das 19.30 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC, a presentación deste programa, para o que buscan a suma de novos estudantes. Asemade, o mércores 30 de novembro, o salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo acubillará, a partir das 13.00 horas, unha sesión de presentación desta mesma iniciativa, a través da que tamén buscan captar máis participantes. As persoas que decidan participar neste proxecto de innovación educativa en ApS recibirán uns contidos teóricos encamiñados a reforzar os seus coñecementos e competencias no que se refire á restauración de zonas incendiadas. Asemade, todas as persoas inscritas neste programa participarán o vindeiro 17 de decembro nunha viaxe ao concello de Entrimo, un municipio ourensán asolado polas lapas. Todos os estudantes que completen este programa formativo recibirán un certificado da Oficina de Voluntariado da USC.