Resultados prometedores no primeiro ano do proxecto para o desenvolvemento de novas tecnoloxías de protección fronte ao radon
O proxecto ‘Desenvolvemento de novas tecnoloxías de protección fronte ao radon’ (TECRA) no que participa a USC finaliza o primeiro ano de traballo con avances importantes. Para o desenvolvemento da súa parte tecnolóxica o Consorcio de TECRA conta coa experiencia en detección e mitigación do radon do Laboratorio de Análise de Radiacións da USC, e en particular do seu servizo Radonlab. Ademais, reúne catro entidades empresariais con gran capacidade técnica e tecnolóxica como son ATI Sistemas, Galaicontriol, Arraela e Padreiro.
O radon é un gas radioactivo de orixe natural que emana do chan e que pode provocar problemas importantes de saúde. É incoloro, inoloro e insípido, e a exposición ao mesmo prodúcese preferentemente tras a súa inhalación en recintos deficientemente ventilados, onde entra por gretas ou conducións en contacto co solo. Na actualidade, xa existe normativa a nivel estatal referente á concentración máxima de radon aceptable en recintos pechados, pero esta só afecta a lugares de traballo. Iso si, antes de febreiro de 2018 ten que traspoñerse ao ordenamento xurídico español a directiva europea que marca como nivel máximo de concentración de gas radon os 300 Bq/ m3 para calquera recinto pechado, independentemente do seu uso.
O proxecto TECRA busca reducir de forma eficiente a concentración de gas radon en edificacións ata niveis que non expoñan un risco para a saúde dos seus habitantes e usuarios. Para iso propúxose o desenvolvemento dun sistema global de actuación baseado na eliminación mediante o emprego de barreiras da entrada deste gas en interiores, así como o control do radon residual coa implementación dun sistema de ventilación activa intelixente e selectivo, que actúe unicamente onde e cando sexa necesario minimizando así o impacto que a súa exposición poida ter na poboación.
Os resultados obtidos neste primeiro ano polo consorcio inclúen o desenvolvemento e posta a punto dun dispositivo capaz de cuantificar o grao de impermeabilidade fronte ao radon de diferentes tipos de membranas e materiais de construción que valorizará estes materiais ao recoñecelos como barreiras eficientes fronte ao paso do gas. Así mesmo, está a desenvolverse un estudo piloto da eficiencia na redución de radon dun edificio dotado dun sistema de ventilación forzada capaz de actuar a diferentes niveis.
O proxecto, de 34 meses de duración, e que será levado a cabo integramente en Galicia, pretende desenvolver vivendas máis saudables e seguras, capaces de cumprir coa normativa vixente en materia de protección fronte a radiación ionizante de orixe natural así como promover o desenvolvemento de postos de traballo no sector industrial e potenciar a capacidade de xeración de riqueza e emprego da industria española.
O consorcio
TECRA reúne catro empresas galegas de gran capacidade técnica e tecnolóxica. Por unha banda, a de servizos eléctricos e de instrumentación para a industria de xeración ATI Sistemas, líder do consorcio, con ampla experiencia no desenvolvemento de proxectos de I+D desde a súa creación. Por outra, Galaicontrol, que nace como laboratorio de ensaios para o control de calidade no sector da construción e que foi evolucionando e diversificando as súas actividades cara a xeotecnia, xeotermia e enxeñería e que dispón de instalacións e infraestruturas adecuadas para realizar os desenvolvementos de novos materiais impermeables ao radon.
Outra das empresas implicadas no proxecto é Arraela, con experiencia no desenvolvemento de novos materiais e as súas aplicacións, especialmente no ámbito da radioprotección. Pecha o consorcio Padreiro, entidade dedicada á fabricación e distribución de novos materiais no mundo da construción e que é pioneira na introdución de illamentos reflexivos a nivel nacional.
TECRA está financiado pola Axencia Galega de Innovación e conta tamén co apoio do Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional no marco do Programa de axudas á Innovación ‘Conecta PEME 2016’.