Retómanse os traballos arqueolóxicos no Castro Valente, liderados por investigadores da USC do CISPAC
Logo das primeiras escavacións arqueolóxicas a finais do ano 2020 no Castro Valente (Padrón), este luns 22 retómanse os traballos cunha nova intervención froito da colaboración entre a Universidade de Santiago e o concello de Padrón. O equipo volve estar liderado polos investigadores da USC do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, Mario Pereiro (Síncrisis) e Jose Carlos Sánchez Pardo (AEVUM), e contan coa colaboración da empresa Tempos Arqueólogos.
“Xa van case 10 anos dende que comezamos a documentación deste xacemento”, explica Mario Pereiro, “e agora temos que afinar as hipóteses que temos, que esperamos que nos clarifique a escavación arqueolóxica”. O Castro Valente é un recinto fortificado situado nas parroquias de Herbón e Carcacía, no concello de Padrón, cunha superficie superior as 11 ha de extensión. O seu recinto defensivo está “moi ben conservado”, aclara Jose Carlos Sánchez, “mais nos falta información de como se artellaba no seu interior”.
A intervención durará dúas semanas e estenderase até o venres 2 de agosto. Centrarase na zona norte do xacemento, nunha zona próxima á xa intervida na campaña anterior. “Coñecer cando foi ocupada permitirá desenvolver hipóteses de para que foi construída esta fortaleza,” comenta Mario Pereiro.
A intervención é cofinanciada entre o concello de Padrón e a Universidade de Santiago de Compostela. Ao igual que outras intervencións organizadas por Castelos no aire, esta campaña estará ‘aberta por escavación’, o que quere dicir que calquera se pode achegar ao xacemento durante os traballos e recibir unha explicación por parte do equipo.