Ir o contido principal

‘Retorna ao Rural con Campus Terra’ ofrece 28 bolsas de prácticas para alumnado en empresas e entidades do rural de Galicia

O alumnado beneficiario destas bolsas deberá completar estadías en empresas ou entidades localizadas en áreas rurais de Galicia
O alumnado beneficiario destas bolsas deberá completar estadías en empresas ou entidades localizadas en áreas rurais de Galicia
Alumnado dos dous últimos cursos de grao das facultades de Ciencias, Humanidades e na EPS de Enxeñaría xa poden tramitar a súas solicitudes ata o 26 de marzo na sede electrónica da USC. Formación do Profesorado e Veterinaria tamén ofertan un total de 8 prazas nunha convocatoria que prevé estadías formativas de ata 3 meses. As persoas beneficiarias poderán solicitar o recoñecemento de ata 13 créditos ECTS
Lugo

O Campus Terra da USC lanza unha nova convocatoria do programa ‘Retorna ao rural con Campus Terra’, unha iniciativa financiada ao abeiro do convenio asinado entre a USC e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o campus de especialización localizado na sede universitaria luguesa, a través da que o alumando matriculado nos dous últimos cursos das titulacións de grao impartidas nas facultades de Ciencias, Formación do Profesorado, Veterinaria, EPS de Enxeñaría e Humanidades poderán completar estadías formativas de ata tres meses de duración en empresas e entidades asentadas no medio rural de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes a esta convocatoria permanece aberto, a través da sede electrónica da USC ata o 26 de marzo para alumnado de últimos cursos das titulacións das facultades de Ciencias e Humanidades para desenvolver prácticas durante un período de ata 3 meses (entre abril e setembro de 2024). As persoas beneficiarias poderán solicitar o recoñecemento de ata 13 créditos ECTS. A nova convocatoria deste programa de prácticas remuneradas en empresas e entidades do medio rural impulsada directamente desde o Campus Terra inclúe a oferta de oito bolsas, a razón de dúas por cada titulación, para o alumnado dos graos en Nutrición Humana e Dietética, Bioquímica, Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, e Xestión Cultural.

As facultades de Veterinaria e Formación do Profesorado, así como a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, que fan unha xestión directa da concesión destas estadías en empresas asentadas en localizacións rurais, ofrecerán tamén un total de 20 prazas para o estudantado dos seus respectivos títulos de grao.

As bolsas do programa Retorna ao Rural co Campus Terra son remuneradas e compatibles con outras axudas ao estudo do Ministerio de Educación e Formación Profesional e da Xunta de Galicia, ao tempo que contemplan un amplo abano de actividades formativas compatibles coas obrigas académicas do alumnado beneficiario. A xornada laboral dos bolseiros e bolseiras será de 25 horas semanais. Unha vez rematada a estadía, o estudantado do Campus Terra beneficiario deberá remitir unha memoria informativa antes de proceder á solicitude do recoñecemento créditos.

A orde de prelación entre solicitantes virá determinada pola respectiva nota media que figure no expediente académico na USC, sempre que tales cualificacións consten en actas na data fin de prazo de presentación de solicitudes. A contía das axudas habilitadas pola USC a través desta convocatoria orientada a favorecer o desenvolvemento de tarefas relacionadas coas saídas profesionais coas titulacións que cursa o estudantado beneficiario contempla un importe variable que vai desde 600 até 1.200 euros para estadías de trimestrais, incluídos os custos derivados das cotas de Seguridade Social. As achegas para prácticas por un tempo inferior a tres meses e superior a 30 días será proporcional.

 

Cartaz da convocatoria de bolsas 'Retorna ao rural con Campus Terra'
Cartaz da convocatoria de bolsas 'Retorna ao rural con Campus Terra'
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2024.