O retrato de Rodríguez Cadarso xa forma parte da Galería de Reitores da USC

O retrato de Rodríguez Cadarso, o que fora reitor entre os anos 1930 e 1933, xa ocupa o seu lugar na Galería de Reitores da USC logo de que o artista Quintana Martelo entregara a obra rematada. O óleo recibiuno este xoves no Colexio de San Xerome o reitor Senén Barro acompañado do vicerreitor de Cultura, Elias Torres, como parte dos actos promovidos pola institución académica co gallo da conmemoración do Ano Rodríguez Cadarso.
A obra é un lenzo que toma como base de traballo o retrato fotográfico que se pode visitar no Colexio Maior que leva o nome do homenaxeado, por ser “a imaxe máis significativa e coñecida del” sinalou Quintana Martelo, ao carecer de sentido, na súa opinión, un “retrato clásico”. O lenzo inclúe unha referencia ao Campus Sur e o lema ‘A Residencia’ coa intención de “contextualizalos na imaxe”, explicou o artista.
Rodríguez CadarsoAlejandro Rodríguez Cadarso (1887-1933), impulsor do desenvolvemento do campus sur compostelán e da residencia de estudantes, foi catedrático de Anatomía na Universidade compostelá, tarefa que compaxinou co seu labor como deputado pola Organización Republicana Galega Autónoma durante a República, etapa na que se caracterizou polo seu apoio á autonomía de Galicia.
Vicerreitor da USC dende novembro de 1929 e reitor dende marzo de 1930, como responsable da institución pretendeu ligar a Universidade coa cultura e coa sociedade galega en xeral, favorecendo a súa modernización. Ademais do desenvolvemento do Campus Sur, durante o seu mandato fundáronse o Instituto de Estudos Portugueses e o Instituto de Estudos Rexionais, exemplos da súa vontade de intensificar as relacións con Portugal e de potenciar a entrada dos estudos sobre Galicia na Universidade, en colaboración con profesores e estudantes galeguistas e o Seminario de Estudos Galegos.