Ir o contido principal

A Reunión de Estudos Rexionais xuntará en Ciencias Económicas e Empresariais máis de 200 especialistas de 14 países

Un total de 225 participantes de 14 países reuniranse entre os mércores 16 e o venres 18 na XLII Reunión de Estudos Rexionais que se celebra na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais organizada polo Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME), o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), a Asociación Galega de Ciencia Rexional e a propia facultade. Nesta edición, a xuntanza ten como lema ‘ 30 anos de integración en Europa en perspectiva rexional: leccións dos pasados e futuros desafíos’.

Este encontro é un foro aberto a investigadores que traballan nas diferentes disciplinas que contribúen á ciencia rexional -como a economía, xeografía, urbanismo, econometría, socioloxía, política, arquitectura, ou turismo, entre outros ámbitos-, así como a todos aqueles axentes interesados en coñecer e comprender a dimensión territorial das sociedades. Presentáronse máis de 200 traballos, entre relatorios, conferencias e paneis, que tratarán cuestións relacionadas coa economía do coñecemento e xeografía da innovación; turismo e territorio; mobilidade, transporte e infraestruturas; emprendemento; enerxía, sustentabilidade, recursos naturais e ambiente; movementos migratorios; ou urbanismo e vivenda, entre outras áreas temáticas.

Aínda que a inauguración oficial da xuntanza se celebrará o xoves, este mércores 16, o profesor Fernando Bruna impartirá un taller sobre ‘Spatial econometrics with the R package’, a partir das 16.00 horas na Aula 21 de Ciencias Económicas e Empresariais, que tamén forma parte da programación da Reunión. É unha actividade dirixida especialmente a estudantes de doutoramento e investigadores novos no que participaron máis de medio cento de persoas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2016.