Ir o contido principal

A Reunión Nacional Estalmat xunta en Compostela especialistas no estimulo do talento matemático precoz

O reitor presidiu a sesión inaugural na Facultade de Matemáticas. Foto: Santi Alvite
O reitor presidiu a sesión inaugural na Facultade de Matemáticas. Foto: Santi Alvite
Vertebrará charlas sobre temas coma o uso de aplicacións informáticas como Geogebra ou Maxima, xeometría con regra e compás, xogos e ata un paseo matemático pola cidade de Santiago

O XVI Seminario Nacional Estalmat sobre actividades para estimular o talento precoz matemático e a XX Reunión Nacional de Estalmat desenvólvense na Facultade de Matemáticas compostelá desde a tarde do venres 12 ata o domingo 14, xornadas nas que xuntarán en Santiago especialistas na materia que darán a coñecer iniciativas e proxectos desenvolvidos estes últimos anos.

A inauguración oficial tivo lugar este venres 12 de abril na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Abriu o acto o reitor da USC Antonio López, e tras el interviñeron a decana da Facultade de Matemáticas da USC e presidenta de Estalmat Galicia, Mª Elena Vázquez Cendón; o coordinador xeral de Estalmat, Eugenio Hernández; o director de Estalmat e membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, Manuel de León, e a directora xeral en funcións de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia, Judith Fernández Novoa; asistiu tamén a directora xeral da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey.

Esta primeira sesión inclúe cinco relatorios nos que se abordan temas como actividades que mesturan diversión matemática coa análise de bandeiras, o uso da aplicación informática Geogebra ou a práctica da xeometría con regra e compás. A xornada do sábado 13 comeza ás 10.30 horas con relatorios sobre xogos matemáticos ou a resolución de problemas mediante modelización con grafos en Maxima. Na tarde do sábado terá lugar un Paseo Matemático por Santiago no que as persoas participantes nas xornadas serán guiadas por Julio Rodríguez Taboada, docente de Estalmat-Galicia. A actividade rematará cunha recepción na sede do Concello de Santiago por parte da alcaldesa Goretti Sanmartín ás 19.30 horas. Na mañá do domingo 14 terá lugar a vixésima reunión dos coordinadores de Estalmat de todas as comunidades, nunha xornada de traballo que empeza ás 10.00 e remata ás 12.30 horas. As actividades que se expoñan serán recollidas nunha publicación electrónica en www.estalmat.org.

Estalmat

O proxecto Estalmat (EStímulo do TALento MATemático) comezou en 1998 por iniciativa da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais na Comunidade de Madrid,  co obxectivo de detectar, orientar e estimular o talento matemático de estudantes que se suman ao proxecto desde os 12 anos. Desde entón, o proxecto, concibido polo profesor Miguel de Guzmán (Cartaxena, 1936 - Madrid, 2004), tivo grande acollida e difusión, ata o punto de que outras sedes desenvolveron a mesma idea en Cataluña, Castela e León, Andalucía Occidental, Canarias, Andalucía Oriental, Galicia, Comunidade Valenciana, Cantabria, Castela a Mancha, Illas Baleares e Murcia. Tamén se implantou en Ecuador.

Estalmat-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e de distintos centros de ensino secundario da comunidade, contando con profesorado das tres universidades galegas e do ensino medio. Dispón dun financiamento específico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, que tamén facilitan material promocional xunto con CASIO, e das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, á que este ano se suma a de Ourense. Colaboran así mesmo o Centro de Supercomputación de Galicia e o CITMAGA.

Desde marzo Estalmat-Galicia forma parte do proxecto SUMO Valor da USC, desde o que xa achegaron o seu apoio as empresas DXC Technology desde o seu Centro de Excelencia para Iniciativas de Datos e Intelixencia Artificial para España e Portugal, con sede en Santiago, e o Centro de Investigación Mestrelab.

A xuntanza permitirá compartir iniciativas e proxectos desenvolvidos estes últimos anos. Foto: Santi Alvite
A xuntanza permitirá compartir iniciativas e proxectos desenvolvidos estes últimos anos. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2024.