Ir o contido principal

Revisan na Facultade de Física o últimos experimentos internacionais en física nuclear

Revisan na Facultade de Física o últimos experimentos internacionais en física nuclear
Revisan na Facultade de Física o últimos experimentos internacionais en física nuclear

Expertos en teoría nuclear reuníronse en Compostela cos responsables dos últimos e máis avanzados experimentos en física nuclear co obxecto de reforzar a interpretación dos datos obtidos. O encontro tiña como obxectivo o estudo fundamental dos núcleos atómicos, en particular a caracterización da estrutura interna dos núcleos exóticos así como explorar os límites da existencia destes núcleos. O encontro organizárono a investigadora Ramón y Cajal Beatriz Fernández e o investigador Juan de la Cierva Manuel Caamaño dende o Grupo Experimental de Núcleos e Partículas (GENP) da Facultade de Física da USC e coa colaboración da Rede de Física Nuclear (FNUC). Os estudos presentados correspóndense cos experimentos realizados eninstalacións internacionais como GSI (Alemaña), GANIL (Francia) ou no CERN (Suíza), baixo a dirección do grupo GENP da USC no marco de colaboracións con grupos de institutos de todo el mundo. O traballo conxunto dos equipos experimentais e teóricos “resulta esencial para extraer a maior cantidade de información dos datos e decidir que experimentos son clave para resolver as incógnitas actuais en física nuclear”, sinalan os organizadores. Nas dúas xornadas nas que se desenvolveu o primeiro ‘miniWorkshop on Direct Reactions’ ademais de revisar os experimentos máis recentes definiuse a estratexia a seguir para futuros esforzos experimentais ao tempo que se reforzaron os vínculos entre os aspectos experimentais e teóricos da investigación máis recente en física nuclear.

Un dos froitos deste encontro foi a consolidación deste traballo conxunto entre grupos de Santiago, Lisboa, Sevilla, Coimbra e Madrid para preparar futuros experimentos e para realizar a análise conxunta dos últimos datos. Segundo explicaron os seus promotores, o resultado da xuntanza “ foi extremadamente positivo e os participantes e organizadores comprometéronse a repetir a experiencia, convertendo o ‘miniWorkshop on Direct Reactions’ nun encontro periódico a organizar nas diferentes institucións involucradas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2012.