Revisan na maior retrospectiva ata o momento a traxectoria de Montero Ríos e a súa influencia na cidade compostelá
A traxectoria vital, intelectual e política de Eugenio Montero Ríos aparece revisada nunha mostra que se pode visitar ata o 31 de outubro no Colexio de Fonseca. ‘Eugenio Montero Ríos: o xurisconsulto e o político na Compostela do seu tempo’ constitúe a primeira ampla retrospectiva realizada sobre o prócer no centenario do seu pasamento. A colaboración da Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Santiago, o Consorcio da Cidade, ABANCA e a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xustiza e a Secretaría Xeral de Cultura permitiu reunir un conxunto de obras que poñen de manifesto a influencia de Eugenio Montero Ríos na transformación da cidade de Santiago. Montero Ríos desempeñou un papel relevante durante a Restauración como líder político e como promotor de construcións civís executadas baixo o seu «manto protector», tal como é o caso, entre outras, da liña de ferrocarril Cornes-Carril, a ampliación e reforma do edificio da Universidade, a Escola de Veterinaria, a Facultade de Medicina e Hospital Clínico, o Colexio de Xordomudos e Cegos, ademais da promoción da Exposición Rexional Galega (1909). A exposición inaugurouse este martes nun acto ao que asistiron o reitor da USC, Juan Viaño Rey; o presidente do Ateneo de Santiago de Compostela, Salvador García-Bodaño Zunzunegui; presidente da Real Sociedad Económica de Amigos do País, Juan Bautista de la Salle Barreiro Pérez; o presidente da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, Jesús Asorey Carril; e o decano do Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, Evaristo Nogueira Pol. Todos eles representantes das entidades promotoras dunha montaxe que, coordinada pola Universidade de Santiago, pretende poñer en valor o inxente labor desta destacada figura santiaguesa de finais do século XIX e comezos do XX. Comisariada pola doutora europea en Historia e profesora na Facultade de Xeografía e Historia da USC Margarita Barral Martínez e polo arquitecto e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC Pablo Costa Buján, a mostra poderá visitarse en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. O reitor presidiu a inauguración da mostra sobre Montero Ríos (Foto: Santi Alvite) As autoridades posaron xunto a un busto do ilustre político e intelectual (Foto: Santi Alvite)