Ir o contido principal

Unha revisión a tempo pode evitar o cancro oral

No XII Congreso da Sociedade Española de Medicina Oral presentaranse as novas tecnoloxías de diagnose

Especialistas de recoñecido prestixio nacional e internacional daranse cita do 16 ao 18 de maio no XII Congreso da Sociedade Española de Medicina Oral que se celebra por segundo ano consecutivo na cidade de Santiago. O encontro abordará temas de gran repercusión social pois incidirá en aspectos tan importantes como a diagnose precoz do cancro, que pode aumentar a supervivencia e mellorar a calidade de vida dos pacientes. Segundo afirma o catedrático da USC José M. Gándara, presidente da Sociedade Española de Medicina Oral e do comité organizador do congreso, “ unha diagnose a tempo pode ter coma consecuencia un éxito total e reducir ao 100% a posibilidade do cancro oral”. O programa conta con catro mesas redondas nas que se debaterán temas de actualidade no eido da odontoloxía e se presentarán os avances de novas técnicas complementarias e novos marcadores oncoxénicos como por exemplo a diagnose por imaxe en 3D, que cobrará protagonismo nun curso precongreso que terá lugar o mércores 15 de maio da man do doutor Aguayo de Perú. A necesidade de educar os pacientes é outros dos asuntos a tratar no congreso, no que se abrirá un debate acerca da inxesta de bifosfonatos, medicamentos de gran utilidade nos tratamentos preventivos das metástases óseas no cancro de mama e de próstata pero que poden ter unha grave repercusión na cavidade oral, como pode ser a osteonecrose. “Debemos chegar á sociedade para que antes de iniciar un tratamento deste tipo realicen as revisión bucais oportunas e eliminen posibles focos de infección que eviten esta enfermidad”, asegura Gándara, que lembra que unha vez iniciado este tratamento intravenoso non se poden realizar extraccións de ningún tipo. Casos clínicos No eido da patoloxía da mucosa oral presentaranse procesos específicos bucais de menor incidencia pero que poden aparecer, como as primeiras manifestacións de enfermidades sistémicas. Neste senso, abordarán o Pénfigo ou o Liquen, este último relacionado cos estados de estres e que se manifestan con pequenas chagas na boca ou na pel e que poden sufrir unha transformación maligna nunha pequena porcentaxe. Na sesión clínica-patolóxica discutirán sobre casos clínicos non frecuentes no noso medio pero que están acadando maior importancia debido ao fluxo migratorio actual. A importancia da saliva para a diagnose de enfermidades sistémicas, a detección de medicamentos ou drogas e algunha patoloxía das glándulas que, aínda que frecuentes, non se soen tratar nin diagnosticar e que terán tamén o seu lugar de debate no congreso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2013.