A ‘Revista Galega de Economía’ obtén o selo de calidade da FECYT
Na oitava edición da avaliación da calidade editorial e científica de las revistas científicas españolas que elabora a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, a Revista Galega de Economía / Galician Journal of Economics (RGE/GJE) acada o selo de calidade da FECYT, o que a acredita como publicación excelente. Alén de cumprir con todos os indicadores e criterios de avaliación, tanto obrigatorios como recomendados, a revista recibe a mención ás boas prácticas editoriais en igualdade de xénero, un novo parámetro establecido pola Fundación na presente convocatoria.
A Revista Galega de Economía / Galician Journal of Economics é unha publicación internacional, fundada en 1992 e promovida pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, que procura fomentar a investigación académica mediante a publicación artigos orixinais que cumpran os máis altos estándares analíticos e acheguen novas ideas que contribúan ao coñecemento económico e empresarial e á súa difusión. Como todas as revistas da USC, a RGE/GJE edítase en acceso aberto no Portal Dixital de Revistas da USC, que xestiona e administra Edicións USC.
A Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), instrumento de implementación de políticas de ciencia, tecnoloxía e innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación, traballa para reforzar os vínculos entre ciencia e sociedade mediante accións que promovan a ciencia aberta e inclusiva, a cultura e a educación científicas.
Coa RGE/JGE son xa cinco as revistas da USC con selo da FECYT. Tanto a dirección da revista como a dirección de Edicións USC manifestan a súa satisfacción e sinalan que a concesión do selo evidencia o recoñecemento da altura académica e prestixio internacional da publicación. “Non hai xeito mellor de rematar o curso académico”, engaden dende o comité de redacción.