A revista Quintana presenta un novo número, dedicado a escenarios e imaxes do liberalismo á modernidade
O novo número da revista Quintana, publicación de estudos do Departamento de Historia da Arte da USC, está dedicada de xeito monográfico aos ‘Escenarios e imaxes do liberalismo á modernidade’. O novo volume presentarase publicamente este martes 1 de marzo nun acto ás 12.00 horas na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia.
No acto de presentación participarán o director da revista, o profesor Alfredo Vigo Trasancos; o decano da facultade, Juan Monterroso; o director do Departamento de Historia da Arte, Enrique Fernández Castiñeiras; o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés; e a asesora de Estudantes, Cultura e Deportes da USC, Marta Carballo Fidalgo.
A revista Quintana xurdiu en 2002 como unha publicación anual que servise de órgano de difusión do departamento de Historia da Arte. Dende entón apostou pola rigorosidade na súa liña editorial e a apertura exterior dos seus comités e contidos, ata convertela nunha das de maior calidade no seu ámbito, como testemuña a súa inclusión nas máis prestixiosas bases de datos nacionais e internacionais. Entre os seus recoñecementos destaca ser unha das primeiras revistas de Historia da Arte de España en obter os 33 criterios de calidade Latindex ou en ter sido admitida na base de datos SCOPUS.