Ir o contido principal

A revista Sémata presenta o seu número 24, primeiro da colección en formato dixital

O volume número 24 da revista Sémata. Ciencias Sociais e Humanidades, publicación da Facultade de Xeografía e Historia da USC, será o primeiro da colección que se edita en formato dixital dentro do Open Journal System. O novo número presentarase nun acto público este mércores a partir das 12.00 horas na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia. Na presentación intervirán o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o decano do centro, Juan Monterroso; a directora da revista Sémata, Marta Cendón; os coordinadores do volume, Manuel Núñez e Pilar Cagiao; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco. A presenza de España en América, título deste volume, foi tan intensa dende o punto de vista histórico que deu lugar a unha extraordinaria multiplicidade de enfoques de estudo dos que neste volume “se ofrece só unha pequena pero valiosa mostra”. No conxunto de contribucións destacan, polo seu número, as relacionadas coa historia da arte, abordando novas hipóteses e interpretacións por parte de recoñecidos investigadores na materia. O volume pretende ser ademais unha sentida homenaxe póstuma da Facultade de Xeografía e Historia á profesora María del Carmen Rodríguez González, falecida cando o número se atopaba no prelo. Sémata é unha revista interdisciplinar, de periodicidade anual, que publica traballos orixinais de investigación sobre calquera das especialidades relativas ao campo das Ciencias Sociais e as Humanidades. Os números teñen un carácter monográfico e rotatorio entre as áreas de Xeografía, Historia e Historia da Arte.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2013.