Ir o contido principal

Reyes Laguna Francia, elixida nova decana de Farmacia

Reyes Laguna Francia acaba de ser elixida decana da Facultade de Farmacia con 77 votos a favor. FOTO: Santi Alvite
Reyes Laguna Francia acaba de ser elixida decana da Facultade de Farmacia con 77 votos a favor. FOTO: Santi Alvite
Infraestruturas, dinamización e calidade serán os tres eixos sobre os que se asentará o mandato da nova decana que substitúe no cargo a Francisco Otero Espinar
Santiago de Compostela

A profesora da USC Reyes Laguna Francia acaba de ser elixida decana da Facultade de Farmacia con 77 votos a favor e 1 voto nulo. Laguna Francia substitúe no cargo a Francisco Otero Espinar logo dos comicios que se desenvolveron o pasado mércores, 9 de novembro. Infraestruturas, dinamización e calidade serán os tres eixos sobre os que se asentará o seu mandato.

“É dabondo coñecida a necesidade de dispor dunha axeitada infraestrutura que permita restablecer o normal funcionamento da actividade académica e investigadora da Facultade de Farmacia”, afirmou a profesora Laguna en referencia ao que será o seu “primordial obxectivo”. Con respecto á dinamización universitaria, a nova decana promoverá a realización de charlas, encontros, xornadas e a divulgación da investigación realizada polos grupos do centro. “Dar soporte aos convenios con empresas para a realización de prácticas externas optativas e a adecuada xestión da utilización dos espazos do edificio actual pola comunidade universitaria” serán, en palabras da profesora Laguna, outras das metas a perseguir neste eido.

A obtención do selo de calidade AUDIT para conseguir a Acreditación Institucional; a adaptación da memoria do Grao en Farmacia ao RD 822/2021, do 28 de setembro do Ministerio de Universidades; e levar a cabo as probas de Avaliación Clínica (ECOE) do desempeño do estudantado ante situacións asistenciais simuladas integran a listaxe de actuacións correspondentes ao ámbito da calidade.

Currículo

Catedrática de Farmacoloxía no departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, a profesora Laguna recibiu numerosos galardóns ao longo da súa dilatada traxectoria académica. Este é o caso do premio nacional de investigación farmacéutica outorgado polo Consejo General de Colegios Oficiales Farmacéuticos (CGCOF) ou o premio Caja de Ahorros Municipal de Burgos ao mellor proxecto de tese de doutoramento.

Reyes Laguna inicia a súa andaina académica na USC como profesora axudante de farmacoloxía, no primeiro e segundo ciclo. Ao longo de 1993 e 1994 desenvolve a súa actividade investigadora en Francia, no Hôpital Cochin Port Royal e na Faculté de Pharmacie René Descartes da Université Paris V. En 1997 obtén a praza de profesora titular de Universidade no ámbito da Farmacognosia.

Integrante do GI-1862 FIFAEC Fisioloxía e Farmacoloxía das Enfermidades Crónicas, é autora de máis de 150 comunicacións en congresos, artigos en revistas JCR, libros e capítulos de libro; tamén participou en máis de 30 proxectos, estatais e internacionais, de investigación. Foi directora e codirectora de máis de 50 traballos de investigación entres teses doutorais, TFM e TFG.

Coordinadora do Máster universitario en I+D de Medicamentos de 2015 a 2017; a profesora Laguna foi vicedecana de Calidade e Relacións Exteriores da Facultade de Farmacia dende 2017; Responsable Académica de Mobilidade (RAM) e coordinadora de mobilidade Erasmus en sete universidades europeas; e representante da Conferencia General de Decanos de Facultades de Farmacia españolas no FORO de Atención Farmacéutica en Farmacia Comunitaria (FORO-AF-FC) do Consejo General de Colegios Oficiales Farmacéuticos dende 2017.

Equipo de goberno

A nova decana estará acompañada nesta etapa que agora se inicia por Paz García Martínez, vicedecana de Organización Académica; Raquel Sendón García, vicedecana de Calidade e Relacións Exteriores; e Matilde Casas Parada, secretaria académica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2022.