Ir o contido principal

A RIAIDT ofrece un novo servizo de Tomografía de Feixe de Cono

A RIAIDT ofrece un novo servizo de Tomografía de Feixe de Cono
A RIAIDT ofrece un novo servizo de Tomografía de Feixe de Cono
Permite a reconstrución radiográfica tridimensional dun amplo abano de mostras da industria

Baseada na toma de radiografías baixo diferentes ángulos, a Tomografía de Feixe de Cono é unha técnica non destrutiva que permite realizar unha reconstrución radiográfica tridimensional dunha determinada mostra. Este é un novo servizo ofrecido pola Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) grazas a un acordo asinado coa Facultade de Medicina e Odontoloxía que cede parte do uso dun Tomógrafo da Unidade de Radioloxía deste centro, para a aplicación desta técnica a usos non clínicos dentro da industria. Así, este servizo de apoio á investigación posibilitará a aplicación desta técnica para controis de calidade de empaquetado, detección de impurezas, fisuras, así como nas áreas de arqueoloxía, historia ou museos. A súa aplicación permitirá a caracterización e análise do estado de alteración e conservación de achados prehistóricos e bens culturais de composición metálica, cerámica, madeira, tela, pinturas ou vidro, entre moitas outras aplicacións. A reconstrución obtida por esta técnica permite a visualización a través de seccións do grosor que se desexe, en calquera dirección do espazo así como a través dun vídeo no que se percorre completamente o interior do obxecto. Outras informacións que se obteñen son a detección de inclusións, impurezas, estudo de homoxeneidades, determinación da densidade radiolóxica en unidadeshoensfield, a medida de diámetro de poros, lonxitude e grosor de fisuras, espesores, reconstrución 3D de exteriores e interiores ou obtención de radiografías, entre outros. Dende hai ano, esta técnica utilízase para usos clínicos, en equipos con diferentes xeometrías, sendo especialmente coñecida a Tomografía Axial Computerizada (TAC) -para a exploración do corpo enteiro- e en menor medida a Tomografía Computerizada de Haz de Cono (TCHC) -para a exploración de cranios e mandíbulas, entre outras variantes. Non obstante, as aplicacións posibles exceden o campo da medicina e, de feito, tense utilizado na industria en control de procesos e noutras áreas coma a arqueoloxía. Esta técnica posúe grandes vantaxes respecto a outras como son a grande cantidade de información que proporciona en imaxe (cualitativa) e de tipo métrico (cuantitativa) de calquera parte do interior dun obxecto, “sendo precisa, rápida e o máis importante, non destrutiva”, sinala Óscar Lantes da RIAIDT. Trátase dunha tecnoloxía que permite acadar os resultados “sen tan sequera tocar a mostra a analizar”, algo moi importante en pezas únicas de valor económico ou cultural e en obxectos pechados. O asesoramento do Servizo establécese a través da RIAIDT no enderezo http://www.usc.es/gl/investigacion/riaidt/raiosx/tomografia/index.html onde tamén se pode atopar máis información sobre a técnica e sobre outro tipo de aplicacións. Está dispoñible para usuarios da USC así como para outros organismos públicos e empresas privadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2011.