Os riscos ao volante que depara o consumo de drogas e alcohol, a debate nunha xornada en Formación do Profesorado
A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC e a Fundación Galega contra o Narcotráfico celebraron este mércores 21 de novembro unha xornada informativa e de sensibilización orientada a alertar dos riscos que depara unir o consumo de alcohol e/ou drogas á condución no que tomaron parte máis dun centenar de persoas.
A xornada, que xa vai pola súa segunda edición, consistiu nunha sesión de debate especialmente dirixida ao público universitario, aínda que aberta á participación de toda a poboación interesada pola temática. O obxectivo principal desta mesa de debate, na que interviñeron como relatores responsables da Dirección Xeral de Tráfico, Garda Civil e mesmo testemuñas de vítimas de sinistros de tráfico, é o de informar e sensibilizar á poboación universitaria de Galicia sobre o grave perigo que supón o consumo de drogas unido á condución.
Os distintos relatores convidados abordaron ao longo da xornada diversos contidos relacionados coas consecuencias da condución de vehículos baixo os efectos do alcol ou doutras drogas, con especial atención ás derivacións desta problemática no ámbito sanitario e legal. Así, ademais de informar e sensibilizar sobre os graves perigos que supón a mestura de drogas e a condución de vehículos, os promotores deste foro monográfico pretenden lograr un posicionamento activo entre a mocidade, concienciando aos condutores sobre a importancia de conducir dun modo responsable, a fin de evitar unha práctica de altísimo risco como o é conducir baixo os efectos das drogas.
Programa
O responsable do Servizo de Prevención de Drogas do Concello de Lugo, Francisco J. Fernández Eiros, abriu cunha exposición sobre as accións preventivas impulsadas neste eido desde o Concello de Lugo a quenda de intervencións deste foro, que estivo conducido por Francisco Xosé Candia Durán, profesor na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo . De seguido, a subxefa provincial de Tráfico Lugo, Seila González Fernández achegou a visión da DXT ao respecto do consumo de drogas e condución. O tenente coronel e xefe do sector Tráfico de Galicia da Garda Civil, Javier Molano Martín, trasladou aos asistentes algunhas recomendacións para evitar situacións de risco. A delegada en Galicia da asociación Nacional de Lesionados Medulares e Grandes Discapacitados Físicos (Aspaym), Isabel Díaz García, pechou a quenda de exposicións co relato dun testemuño dunha vítima de accidente de tráfico.
Relatores que participaron neste foro sobre saúde e seguridade vial