Ir o contido principal

Os riscos xeolóxicos en Galicia centran unha mostra no Museo de Historia Natural da USC

Os riscos xeolóxicos en Galicia centran unha mostra no Museo de Historia Natural da USC
Os riscos xeolóxicos en Galicia centran unha mostra no Museo de Historia Natural da USC
A entrada á exposición é de balde en horario de apertura do museo

En Galicia estamos expostos a perigos naturais como inundacións, desprendementos e corrementos de pedras e terras, terremotos e acumulación de gases canceríxenos no interior de edificios, como o radon. Para concienciar a sociedade deses riscos e poder tomar, con coñecemento, medidas de prevención e mitigación de danos, o Museo de Historia Natural da USC en colaboración coa Delegación Territorial do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España en Galicia realizan a primeira exposición que se fai no Estado sobre esta temática.

A mostra ‘Riscos Xeolóxicos: danos que pode causar a natureza’, que se pode visitar gratuitamente en horario de apertura do Museo, inaugurouse este xoves nun acto no que participaron a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, a directora do Museo, María Isabel Fraga, e o responsable da Delegación Territorial do Instituto, Miguel Llorente.

Nas maquetas, paneis e elementos interactivos represéntanse de forma realista paisaxes antes e despois de terremotos, inundacións e movementos de ladeiras, con explicacións rigorosas dos aspectos xeolóxicos causantes dos fenómenos que se mostran na superficie.

As persoas visitantes poderán coñecer a importancia de adoptar medidas de prevención na construción de edificios, tanto nas estruturas fronte a terremotos como no illamento e ventilación fronte a gases procedentes das rochas e solos, e a súa localización fóra das zonas con riscos de inundacións e movementos de ladeiras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.07.2017.