O Rof Codina trae para Lugo a presidencia permanente da Asociación de Hospitais Veterinarios Universitarios de España
O Hospital Clínico Veterinario Rof Codina de Lugo lidera dende a súa recente formación a Asociación de Hospitais Veterinarios Universitarios de España, que está conformada por once centros, de carácter público e privado. A presidencia desta entidade sen ánimo de lucro está a cargo do centro lugués na persoa do xerente, Luis Felipe de la Cruz Palomino.
Esta nova entidade ten como obxectivo principal a coordinación da docencia clínica nos niveis de pregrao en coordinación coas facultades e comisións de docencia e establecer e unificar os estudos de posgrao co Consello xeral de colexios veterinarios. Para encher o programa esta asociación, composta por dous membros de cada un dos hospitais, celebrará reunións anuais rotatorias para a coordinación da docencia coa intención de unificar criterios e obter a homologación dos distintos hospitais por parte da Asociación Europea de Facultades de Veterinaria (EAEVE).
Segundo explica o xerente do hospital e presidente da asociación, os hospitais universitarios son “imprescindibles para a homologación das facultades de Veterinaria dentro do programa europeo que se vai poñer en marcha”, distinción que obtivo o Rof Codina no 2001 e que deberá revalidar no mes de abril. Os catro eixes principais para obter esta homologación é contar con servizo de urxencias 24 horas, hospitalización, diagnóstico por imaxe e análise clínico.
A idea de crear esta asociación xurdiu no ano 1999 por parte do hospital lugués, que presidiu e incentivou unha primeira reunión de toma de contacto. A iniciativa quedou no esquecemento ata o ano 2006, cando comezaron os traballos para conformar a asociación que quedou constituída formalmente no 2007.
Unha das liñas de actuación desta asociación é a posta en marcha dos hospitais veterinarios das universidades españolas para obter esta homologación europea. Nesta liña o hospital lugués, que ten o título de “Hospital de Referencia” dende hai nove anos, ten moito que aportar. O seu modelo de xestión, a través dunha fundación na que colaboran varias entidades públicas e tamén privadas, é un espello no que se están mirando o resto de hospitais.
A asociación considera que é o modelo de xestión máis recomendable e actualmente todos os hospitais están adoptando este sistema, agás Madrid. O Rof Codina foi o pioneiro e aqueles centros que non están en proceso de transformación en Fundación están preparando todo para facelo.
Outros obxectivosOutros obxectivos desta asociación, que deixa en Lugo a súa presidencia de forma permanente, están dirixidos a crear unha rede nacional de hospitais veterinarios, nos que o traballo poda desenvolverse nas tres liñas principais destes centro médicos: a investigación, a docencia e a asistencia. Servirá tamén para intercambiar información, promover estudos, informes e recomendacións para achegar a colaboración coas administracións públicas no ámbito da profesión e das ciencias biomédicas.
Unha das liñas de traballo que se seguirán será a unificación de internos e residentes no panorama docente actual e futuro, para deste xeito poder ter un recoñecemento xeral dentro de todo o territorio nacional. Así mesmo, figura entre os seus compromisos un acordo para establecer unha comisión paritaria conformada por membros da asociación e de colexios veterinarios para que sempre exista un interlocutor válido ante calquera continxencia.