Roger Penrose, novo Premio Fonseca de divulgación científica

“Un Da Vinci moderno”. Así cualificaba este mércores o xurado do IV Premio Fonseca de divulgación científica ao físico matemático inglés Roger Penrose (Inglaterra, 1931), que colle a estela de Stephen Hawking, James Lovelock e David Attenborough na consecución dun galardón co que o Programa ConCiencia recoñece a magnitude da repercusión social da acción divulgativa da ciencia.
A multidisciplinariedade da súa carrera científica así como o carácter internacional da súa figura pesaron na decisión sobre outras candidaturas e así o reflicte a acta da reunión na que se recoñece “a súa capacidade de divulgar a ciencia, situando ao leitor na fronteira do coñecemento nun vasto ámbito multidisciplinar, desde as orixes do Universo aos misterios da mente humana, do mesmo modo creativo e arriscado que caracterizou tamén a súa brillante traxectoria científica”. Trátase, dicía Jorge Mira, dunha “persoa poliédrica”; “que asume riscos”, dicía o reitor lembrando a reformulación de Penrose da teoría do Big Bang ou determinadas teorías das ciencias computacionais estreitamente ligadas á neuroloxía. A mente e o Big Bang Precisamente de entre toda a súa carreira investigadora quizais a súa teoría da mente lle supuxo máis críticas. Penrose considera a existencia de natureza non computable nas leis físicas que describen a actividade mental, o que quere dicir que o cerebro non é replicable cos coñecementos e avances actuais en computación. Suxire, en definitiva, que ningunha máquina poderá ser intelixente como un ser humano. Esta teoría púxoa sobre o papel en 1989 co libro A nova mente do emperador co que gañou, entre outros, o Premio Aventis un ano máis tarde. Penrose é coñecido ademais pola reformulación da teoría do Big Bang coa súa do universo cíclico. Segundo o científico británico o espazo e o tempo non comezaron aí senón que o universo existe nun ciclo continuo de "rebotes" que el chama "eóns" e que xa antes do Big Bang sucederan. Roger Penrose Membro da Royal Society de Londres, en 1990 gañou o Science Book Prize e dous anos antes compartiu con Stephen Hawking o Premio Wolf en Física, considerado a antesala dos Nobel. Precisamente en 1965 en Cambridge probou con Hawking, con quen ten varias obras publicadas, que as singularidades poden formarse a partir do colapso de inmensas estrelas moribundas. Moito tempo antes, en 1965 como estudante, o novo Premio Fonseca reinventou a inversa xeralizada, máis coñecida como a inversa Moore-Penrose. Outro descubrimento produto das súas investigacións nos anos sesenta sería a hipótese de censura cósmica, que propón que o universo nos protexe da impredictibilidade das singularidades como os buratos negros ocultándoos da vista. Resolver isto é un dos problemas máis importantes na teoría da relatividade. A interdisciplinariedade do profesor de Oxford chega incluso ao mundo da arte, de maneira que as figuras imposibles que deseñou nos anos 50 –triángulo e escaleira de Penrose- foron logo popularizadas con éxito polo artista holandés Maurits Escher. O xurado considerou ademais a publicación en 2006 do seu libro El camino a la realidad: Una guía completa a las leyes del universo , que constitúe un dos mellores manuais de divulgación dos últimos tempos. Entre os premios recibidos por Penrose destacan as medallas Eddington en 1975, Dirac en 1989 e a Albert Einstein en 1990; o Premio Naylor en 1991 ou a importante Medalla Copley en 2008. O xurado O xurado estivo formado polo reitor da USC, Juan Casares; o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; o xerente e o director de programas do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva e Xosé Denis, respectivamente; o director do programa Conciencia, Jorge Mira; o director en funcións dos museos científicos coruñeses, Manuel Miramontes; o editor científico da revista Muy Interesante, Miguel Ángel Sabadell; e o profesor da USC José Edelstein. Premio Fonseca O Premio Fonseca, convocado polo Consorcio de Santiago e a Universidade compostelá, leva o nome dun dos fundadores da USC, persoeiro de capital importancia na conformación de Santiago como lugar de gran riqueza intelectual e científica e como foro de creatividade. As persoas candidatas deben ser acredoras dunha destacada traxectoria no eido da divulgación científica cara ao público en xeral ben coa utilización eficaz das posibilidades que ofrecen os medios de comunicación ou ben a través de métodos ou medios innovadores. Tamén poderá ser obxecto de recoñecemento quen que coa súa actividade supoña un referente público que estimule o interese xeral polo coñecemento e/ou o desenvolvemento tecnolóxico nalgún ámbito do saber. En datas próximas, probablemente no outono, Penrose virá a Santiago a participar nunha serie de actos públicos –condición sine qua non para recibir o premio dotado con 6.000 euros netos- e recoller o correspondente diploma acreditativo e unha reprodución en bronce de Alonso III de Fonseca deseñada polo escultor Ramón Conde.