Ir o contido principal

Rosa Romero accede á dirección da EPS de Enxeñaría co reto de fortalecer a oferta académica e a proxección do centro

Rosa Romero Franco, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
Rosa Romero Franco, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
Os profesores Alberte Castro, Carlos Núñez, Emilio Carral, en calidade de subdirectores, e María José Iniesto, como secretaria académica, completan a candidatura gañadora, que recibiu 73 dos 105 sufraxios emitidos na xornada de votación celebrada este xoves
Lugo

A profesora da área de Produción Vexetal da USC Rosa Romero Franco accede á dirección da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo cos retos de fortalecer a actual oferta de titulacións que se imparten actualmente no centro e potenciar a súa proxección para outorgar unha maior visibilidade do labor docente e de I+D que desenvolve, así como para como avanzar na internacionalización e captar alumnado procedente doutras universidades europeas e iberoamericanas.

Romero Franco, que durante os últimos oito anos ocupou a Subdirección de Prácticas Externas da EPSE, resultou elixida este xoves como nova directora do centro universitario lugués logo de recibir 73 dos 105 votos rexistrados nun proceso electoral ao que tamén concorría a candidatura liderada polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal Pablo Vila Lameiro.

O futuro equipo de dirección da EPS de Enxeñaría liderado por Rosa Romero Franco, que se converte así na primeira muller que accede a este cargo, mantén unha estrutura semellante á do goberno liderado polo profesor Tomás Cuesta durante os dous últimos mandatos. Deste xeito, a profesora María José Iniesto desempeñará as funcións de secretaria académica, mentres que os tamén docentes e investigadores da EPSE Carlos Núñez, Alberte Castro e Emilio Carral ocuparán, respectivamente, as subdireccións de Calidade, Organización Académica, e Prácticas Externas e Relacións Internacionais.

A directora electa da EPS de Enxeñaría, licenciada e doutora en Bioloxía que se incorporou como docente ao centro universitario lugués hai xa máis de tres décadas, considera que o seu equipo responde ao “perfil multidisciplinar e integrador dun centro no que traballan e fan investigación docentes adscritos a máis dunha vintena de departamentos”.

Consciente da “complexidade” que implica un centro como a EPS de Enxeñaría, no que se imparten 5 títulos de grao, 1 dobre grao, 1 grao aberto, 5 mestrados oficiais e 2 propios e 3 programas de doutoramento, Rosa Romero, apela á colaboración de todo o cadro de persoal, así como á do propio goberno da USC para conseguir así avanzar na mellora da calidade docente e da I+D+i que se fai nun centro universitario que conta xa con máis de medio século de historia en Lugo.

A optimización dos procesos de xestión e organización, así como a constante por mellorar a calidade da docencia e da I+D, a fin de renovar así no futuro as acreditacións nacionais e internacionais que avalan os títulos habilitantes impartidos na EPSE, a internacionalización dos títulos dobres, a través da recuperación de convenios con outras universidades europeas e iberoamericanas, a captación de novo alumnado mediante a promoción de accións divulgativas que achegue ao estudantado de ensino medio ás disciplinas STEM e o aproveitamento das novas posibilidades que ofrece a pertenza da EPSE ao Campus Terra, constitúen algúns dos obxectivos programáticos fixados polo equipo de Rosa Romero Franco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2022.