Rosario Mascato, da Facultade de Humanidades de Lugo, gañadora do Premio Concepción Arenal de Investigación
O traballo Valle-Inclán, poeta moderno no canonizado, de Rosario Mascato Rey (doutora en Filoloxía Hispánica, membro do Grupo Valle-Inclán da USC e investigadora da Facultade de Humanidades de Lugo), foi galardoado co VIII Premio Concepción Arenal de Investigación en Humanidades, convocado polo Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña e dotado con 12.000 euros. O xurado do premio estaba conformado por José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol; Juan Monterroso Montero, decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC; Victoria Carballo Calero, catedrática de Historia da Arte da Universidade de Vigo; Wenceslao J. González Fernández, catedrático de Filosofía da Ciencia da Universidade da Coruña; Mª Carmen Fernández Casanova, catedrática de Historia Contemporánea da Universidade da Coruña; e Ramón José Noguerol Gómez, secretario técnico do Campus de Ferrol. Juan Monterroso, como portavoz do xurado, informou de que á convocatoria se presentaron un total de 16 candidatos, tanto de Galicia como de diversos puntos da xeografía española, “con traballos dunha alta calidade e valor científico, sendo finalmente escollido por unanimidade o de Rosario Mascato, dedicado a estudar a produción poética de Ramón del Valle-Inclán, tradicionalmente considerada pola crítica como de menor calado fronte ao seu teatro ou narrativa”. En palabras da investigadora, “este traballo aborda a produción lírica do escritor arousán desde dous puntos de vista: en primeiro lugar, como obxecto de canonización no campo literario español e galego do primeiro terzo do século XX; e en segundo, como resposta ás problemáticas creativas que afectan o xénero lírico no marco da modernidade filosófica e a estética europea”.