Ir o contido principal

A roza biolóxica, unha alternativa sustentable para a conservación das infraestruturas eléctricas no monte

Cabras, nunha parcela da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Carballo de Friol
Cabras, nunha parcela da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Carballo de Friol
A EPSE do Campus Terra da USC desenvolve xunto con Red Eléctrica de España (Redeia), UFD Distribución de Electricidade SA e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, o proxecto ‘Pastando en REDe’
Lugo

A roza biolóxica antóllase como unha alternativa máis económica e, sobre todo, máis sustentable que os procedementos mecánicos, para controlar a vexetación naquelas áreas de monte polas que discorren liñas de tendido eléctrico, segundo se desprende das primeiras estimacións do proxecto ‘Pastando en REDe’, unha iniciativa de carácter experimental que está a desenvolver en áreas dos concellos de Friol (Lugo) e Maceda (Ourense) o grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, coordinado por Rosa Mosquera Losada, xunto con Red Eléctrica de España (Redeia), a distribuidora eléctrica de Naturgy UFD SA e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

A catedrática da área de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC deu conta destes datos provisionais durante a xuntanza de traballo celebrada esta semana na sede universitaria luguesa con representantes das compañías eléctricas implicadas nesta actuación, unha sesión na que se puxo de manifesto os múltiples beneficios medioambientais que depara o control da vexetación, tamén chamado roza biolóxica, do pastoreo en extensivo.

Estas vantaxes tradúcense, segundo explicou Mosquera Losada, no aumento da biodiversidade nas zonas de pastoreo, na evolución das masas arbóreas, no enriquecemento dos solos e, entre outros, na fixación de carbono. Ademais, engadiu a investigadora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, o pastoreo é unha práctica efectiva para avanzar na prevención de lumes forestais e implica uns custes económicos sensiblemente inferiores aos gastos que supoñen os traballos mecanizados.

A busca de modelos máis sostibles nas tarefas de preservación e conservación das liñas de tendido eléctrico e demais infraestruturas situadas nos montes constitúe un dos motivos que animou ás eléctricas a promover este convenio coa USC e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Unha actuación que se está a desenvolver desde hai meses e de xeito experimental en dúas localizacións dos concellos de Friol (Lugo) e Maceda (Ourense), pero que ten visos de ter continuidade no tempo e incluso de estenderse a outras posibles localizacións e con participación de máis eléctricas, dixo Mosquera.

As experiencias de control de vexetación e provisión de servicios ecosistémicos en enclaves situados baixo tendidos eléctricos e mesmo nas inmediacións destas infraestruturas con gandaría extensiva están a resultar efectivas, ao tempo que supoñen un pulo para o desenvolvemento rural sostible, subliña Mosquera. Esta investigadora sinalou asemade que, alén dos beneficios xa citados, o control biolóxico da biomasa con pastoreo extensivo facilita a cadea de valor das pequenas explotacións gandeiras e favorecer a remuda xeracional a través da visualización dunha nova forma de emprego tradicional con potencialidades para atraer e fixar poboación e que tamén axuda a evitar desigualdades entre o binomio campo-cidade.

Respecto das experiencias xa en marcha, a coordinadora do grupo de investigación Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos da EPS de Enxeñaría da USC comentou que logo de seleccionar dúas parcelas nos concellos de Friol e de Maceda nos que se estaban a realizar labores de control de biomasa con medios mecánicos, os investigadores da USC delimitaron zonas lindeiras nas que soltaron cabras de carne e vacas de raza vienesa, respectivamente, a fin de avaliar e comparar así os efectos da zona mecanizada cos da roza biolóxica do gando en extensivo.

No caso da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Carballo, no municipio de Friol, os investigadores optaron por situar nesta parcela medio centenar de cabras de carne, unha carga gandeira que se antolla compatible co resto de actividades e producións postas xa en marcha no mesmo territorio polos veciños e que tamén redundan en beneficio da xestión do monte comunal e da veciñanza. No proxecto piloto que se está a desenvolver en Ourense, optouse por liberar nunha superficie de monte do concello de Maceda 30 vacas de raza vienesa. A diversidade das tipoloxía de gando e mesmo do número de animais permitirá estudar e avaliar o seu nivel de eficiencia, explica Mosquera.

 

Rosa Mosquera, no centro, con persoal investigador da USC e representantes de compañías eléctricas, na EPS de Enxeñaría
Rosa Mosquera, no centro, con persoal investigador da USC e representantes de compañías eléctricas, na EPS de Enxeñaría
Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2024.