Ir o contido principal

Rubén Lois, elixido académico correspondente internacional da Academia Nacional de Xeografía da República Arxentina

Para formalizar a súa incorporación como académico, o profesor Rubén C. Lois González desprazarase á capital do país no mes de maio. FOTO: Santi Alvite
Para formalizar a súa incorporación como académico, o profesor Rubén C. Lois González desprazarase á capital do país no mes de maio. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da USC tamén ostenta o cargo de vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional dende a súa elección en 2018
Santiago de Compostela

Na súa reunión ordinaria do día 21 de Decembro de 2022, a Academia Nacional de Xeografía da República Arxentina decidiu nomear académico correspondente internacional ao catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, Rubén C. Lois González, quen tamén ostenta o cargo de vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional dende a súa elección en 2018.

A Academia de Xeografía Arxentina é unha das oficialmente recoñecidas pola Lei da República de 1955 sobre academias científicas. É a representante nese país do Instituto Panamericano de Xeografía e Historia. A constitución oficial da Academia permitiu integrar no seu interior a membros de distintas institucións e asociacións xeográficas do país como, entre outras, o Instituto Xeográfico Nacional, o Consello Nacional de Xeografía e a Sociedade Arxentina de Estudos Xeográficos, que xa fora fundada na década de 1920. A Academia Nacional de Xeografía mantén a súa sede na Casa das Academias en Bos Aires.

Para formalizar a súa incorporación como académico, o profesor Rubén C. Lois González desprazarase á capital do país, no mes de maio, xunto á profesora emérita, ex reitora da Universidad Autónoma de Madrid e ex conselleira de Estado, Josefina Gómez Mendoza, tamén membro por España da Academia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.01.2023.