Rubén Lois, reelixido vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional
O catedrático da USC Rubén Camilo Lois González, director do departamento de Xeografía e coordinador do grupo de Análise Territorial ANTE (GI-1871), acaba de ser reelixido vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional. Un total de 51 comités nacionais emitiron o seu voto, o que representa unha participación do 85% dos países elixibles. O candidato obtivo o 80% dos votos emitidos, duplicando os resultados obtidos en 2018.
A Unión Xeográfica Internacional é a organización mundial da Xeografía, que forma parte do consello científico internacional da UNESCO como a máis autorizada representación académica da disciplina. A Unión tamén forma parte de CODATA, a organización internacional para o homoxeneización de datos xeoespaciais; as GeoUnions, organismo asesor da ONU para o coñecemento e a prevención de problemas do planeta Terra; o Consello Internacional de Filosofía e Ciencias Humanas; e a organización mundial da ONU para a preservación dos Océanos. A Unión fundouse hai 100 anos en Bruxelas, aínda que a súa orixe pode remontarse a 1871 cando a cidade de Amberes acolleu o I Congreso Xeográfico Internacional.
Dende 1945, a Unión é unha organización científica e académica que conta con 110 estados-nación adheridos dos cinco continentes. Celebra congresos internacionais que reúnen a milleiros de asistentes; o próximo terá lugar en París en xullo deste ano. A súa directiva, comité executivo, está formado polo seu presidente, un secretario xeral e oito vicepresidentes.