Ir o contido principal

Unha ruta arqueolóxica abordará a Domus na paisaxe urbana

A actividade enmárcase no programa para conmemorar os 25 anos da Domus
A actividade enmárcase no programa para conmemorar os 25 anos da Domus
Analizaranse varios aspectos como a súa relación coas infraestruturas e os elementos principais da cidade de Lugo, a súa relación coa muralla e coa paisaxe circundante

‘A Domus na Paisaxe Urbana’ é o título da ruta arqueolóxica que se desenvolverá o vindeiro 20 de febreiro e que terá como punto de partida o Museo Universitario A Domus do Mitreo. O obxecto desta actividade consiste en inserir a Domus na antiga Lucus Augusti, de modo que “no canto de vela como acostumamos, dende dentro, poidamos vela do revés, dende fóra”, explica a directora do Museo e profesora da USC, Dolores Dopico. 

Nesta actividade que se enmarca na Primavera Cultural da USC e no seo do programa para conmemorar os 25 anos da Domus, analizaranse varios aspectos como a súa relación coas infraestruturas e os elementos principais da cidade, a súa relación coa muralla e coa paisaxe circundante. Celso Rodríguez, arqueólogo-director da escavación, e  Francisco Folgueira Ríos, da Facultade de Humanidades, serán os encargados de conducir a actividade a partir das 19.00 horas. A inscrición de balde pode formalizarse a través do enderezo electrónico  museomitreo.lugo [at] fundacionusc.gal (museomitreo[dot]lugo[at]fundacionusc[dot]gal)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.02.2025.