Ir o contido principal

A saliva, aliada clave contra o cancro oral

Inmaculada Tomás e Abel García, catedráticos de Estomatoloxía e persoal investigador da USC e do IDIS
Inmaculada Tomás e Abel García, catedráticos de Estomatoloxía e persoal investigador da USC e do IDIS
Un innovador proxecto galego liderado pola USC impulsa o diagnóstico precoz mediante intelixencia artificial
Santiago de Compostela

Diagnosticar o cancro oral de forma precoz, non invasiva e accesible podería estar moito máis cerca grazas a un proxecto de investigación que lidera a catedrática de Estomatoloxía e responsable do Oral Sciences Research Group da USC, Inmaculada Tomás Carmona, que desenvolve modelos preditivos baseados en datos multiómicos salivais para detectar a enfermidade de forma temperá. O estudo, financiado pola Fundación Mutua Madrileña na súa última convocatoria de axudas á investigación médica, sitúa Galicia na vangarda da medicina personalizada.

O obxectivo do proxecto é mellorar o diagnóstico do cancro oral combinando tecnoloxías de secuenciación do microbioma e análise proteómico salival con algoritmos avanzados de intelixencia artificial. A iniciativa conta coa participación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC e de tres dos principais hospitais do Servicio Galego de Saúde.

“Levamos máis de dez anos traballando nesta liña de investigación, explorando o enorme potencial da saliva a través do estudo do microbioma e o proteoma para o diagnóstico de enfermidades orais”, explica a investigadora Tomás, que engade que a incorporación de técnicas de intelixencia artificial supuxo un punto de inflexión. “Permítenos integrar de forma eficiente datos biolóxicos complexos e xerar modelos preditivos cunha precisión que ata hai pouco era impensable. Esta combinación non só pode mellorar a detección precoz do cancro oral, senón que abre novas vías para personalizar o tratamento e o seguimento dos pacientes”, apunta.

A partir desta información multiómica —“é dicir, datos que integran distintos niveis biolóxicos como bacterias e proteínas”, explica Tomás—, entrenaranse modelos preditivos capaces de identificar a presenza do cancro oral, así como o seu grao de severidade e evolución tras o tratamento. O proxecto contempla modelos binarios e multiclase, avaliando ademais a súa precisión diagnóstica fronte a factores de risco como o tabaco ou o alcohol, e validando o seu rendemento en cohortes externas.

Colaboración hospitalaria de referencia en Galicia

O estudo conta coa participación de tres grandes hospitais galegos a través dos seus xefes de Servizo de Cirurxía Maxilofacial, que achegarán a súa experiencia clínica e facilitarán o recrutamento de pacientes, asegurando a aplicabilidade real dos modelos en contornas asistenciais.

Trátase de Abel García García, catedrático na área de Estomatoloxía da USC e investigador do IDIS e xefe de Servizo no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela; José Luis López Cedrún, do Hospital Universitario de A Coruña, e Pedro Martínez Seijas, do Complexo Universitario Hospitalario de Vigo.

Cara a un diagnóstico accesible, rápido e personalizado

A principal aspiración do equipo investigador é que esta tecnoloxía poida integrarse en hospitais e centros de atención primaria, permitindo un diagnóstico salival rápido, indoloro e con gran precisión. Actualmente, o cancro oral presenta taxas de curación superiores ao 70% se se detecta en fases iniciais, o que reforza o potencial impacto clínico do proxecto.

Ademais, os modelos poderían empregarse en programas de cribado en poboacións de risco —como fumadores ou consumidores crónicos de alcohol— e reducir o número de biopsias innecesarias, así como os custes asociados ao diagnóstico tardío. A longo prazo, prevese tamén a posibilidade de desenvolver kits diagnósticos comerciais e estender esta tecnoloxía a outras patoloxías oncolóxicas detectables en saliva.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.07.2025.