Ir o contido principal

O salto á internacionalización, a gran barreira a superar polas mulleres emprendedoras en España

A profesora da USC Loreto Fernández presentou en México o estudo ‘A Muller Emprendedora en Iberoamérica: da Universidade á Empresa’

As españolas que emprenden caracterízanse pola súa xuventude, un elevado nivel educativo e unha formación específica en emprendemento, aínda que o grao de internacionalización das súas empresas mostra taxas moderadas. Estas son algunhas das conclusións do traballo ‘A Muller Emprendedora en Iberoamérica: da Universidade á Empresa’ no que colaborou a profesora de Economía Financeira e Contabilidade da USC e responsable da Área Académica de RedEmprendia, Loreto Fernández. O estudo presentouse este xoves no transcurso do evento RedEmprendia Spin2014 que se desenvolve en México e no que participou o reitor compostelán, Juan Viaño. O informe determina múltiples factores que condicionan esta baixa intensidade exportadora, entre os que destacan a maior aversión ao risco, a menor dispoñibilidade de capital, a influencia dos sectores nos que operan e a menor dimensión dos negocios promovidos por mulleres. Xunto con Loreto Fernández traballaron no estudo Mónica Vázquez-Levin, investigadora de CONICET (Arxentina); Jennifer Iverson, fundadora de Primavera Consultoría e responsable de WeConnect International Brasil; Massiel Guerra, profesora e investigadora da Universidade de Desenvolvemento de Chile; María del Carmen Bernal, directora do Centro de Investigación para a Muller na Alta Dirección e profesora de IPADE (México); e María José Amich, fundadora de WomenWinWin (Portugal). As mulleres emprendedoras de Iberoamérica son as grandes protagonistas de Spin2014, un evento organizado por RedEmprendia en colaboración coa Universidade Nacional Autónoma de México, o Instituto Politécnico Nacional, o Tecnolóxico de Monterrey, Banco Santander -a través da súa División Global Santander Universidades- e Universia, e que estes días acolle debates sobre o liderado feminino na innovación, diálogos con empresarias de éxito e propostas para potenciar o talento das mulleres e a súa contribución á creación de riqueza e á mellora da calidade de vida.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2014.