Ir o contido principal

Salvador Cidrás amosa ‘As formas partilladas’ no Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Instalación de Salvador Cidrás e Juan Cidrás exposta no MARCO de Vigo
Instalación de Salvador Cidrás e Juan Cidrás exposta no MARCO de Vigo
O profesor de Educación Visual e Plástica na Facultade de Formación do Profesorado da USC investiga neste proxecto xunto con Juan Cidrás o medio cerámico e téxtil desde a perspectiva escultórica e pictórica
Lugo

O profesor de Educación Visual e Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo Salvador do Cidrás presenta no Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo ‘As formas  partilladas’, un proxecto desenvolvido en colaboración con Juan Cidrás, no que se investiga o medio cerámico e textil desde unha perspectiva escultórica e pictórica.

As creacións feitas polo colectivo artístico que conforman desde 2015 Salvador e Juan Cidrás céntranse na forma e no concepto de aberrante, aquelo que se afasta do comunmente establecido como normal, natural ou correcto, en oposición ao que se aferra á convención ou ao que é formal. Daquela, do mesmo xeito noutras exposicións, na infraestrutura que Salvador e Juan Cidrás presentan no MARCO de Vigo, as pezas amósanse capaces de establecer relacións entre elas e de mudar, xa a través da forma, a cor ou da súa instalación no espazo.

As cerámicas están creadas a partir de pezas ensambladas, unindo planos con relevo. A superficie lisa do exterior e a textura esmaltada e brillante do interior fúndense para establecer novas relacións espaciais entre as aperturas e os volumes. Nos téxtiles, estes creadores investigan as posibilidades tridimensionais dos teares. Aproveitan a base flexible da urdimbre para desenvolver relacións espaciais entre a textura do tecido, o metal e o plano da parede.

‘As formas partilladas’ é o proxecto co que reabre ao público a planta baixa do Museo de Arte Contemporánea de Vigo logo das obras de remodelación desenvolvidas durante o mandato de Miguel Fernández-Cid como director da institución. Daquela, co gallo da reapertura destas instalacións, o MARCO presenta  proxectos de instalacións específicos para cada unha das tres salas, infraestruturas nas que as pezas se relacionan co espazo e crean percorridos que xogan coas diferentes formas, cores e escalas. Ademais, alén desta nova creacións dos Cidrás, a planta inferior do Museo de Arte Contemporánea de Vigo amosará tamén desde o sábado 10 de abril outros tres proxectos, cuxa autoría é obra do artista Rosendo Cid e das artistas Mar Vicente e Mónica Alonso.

Traxectoria do colectivo

A traxectoria do colectivo artístico que conforman Salvador e Juan Cidrás xa é ampla. De feito, entre as súas exposicións cómpre citar moi diversos escenarios, tales como Breaking Boundaries, Claustro da Igrexa de San Simpliciano, Milán (2017); Esgazados, Galería Vilaseco, A Coruña (2018); Galería Salvatore Lanteri, Milán (2018); Formabesta, Sight Unseen Offsite, Hub Space, Nova York (2018); New Realities, Understanding Design, Sala XYZ, Barcelona (2018); Galería Casado Santapau, Madrid (2020). Ademais, a partir de mediados de xuño, o seu traballo poderá verse na Galería Municipal do Porto, a través da exposición ‘Pés de barro’.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2021.