A sanidade forestal no contexto global centra este venres un novo ‘Xantar Biocientífico’ de BioReDes no edifico Cactus de Lugo

A sanidade vexetal no contexto da globalización centra este venres a temática da segunda sesión dos ‘Xantares Biocientíficos’, unha iniciativa de promoción, divulgación e debate científico, promovida pola agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC BioReDes. A profesora e investigadora do Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría, María Josefa Lombardero Díaz, afondará sobre esta temática nunha intervención aberta a todo o público interesado que se desenvolverá a partir das 13.00 horas, no edificio Cactus do campus de Lugo.
O sector forestal galego xoga un papel fundamental na economía de Galicia e do resto de España xa que nesta comunidade autónoma prodúcese practicamente a metade da madeira do Estado. Pero ademais destes beneficios económicos, os montes galegos prestan tamén servizos ecosistémicos e sociais de gran importancia para moitos sectores da poboación. Con todo, nos últimos anos os propietarios, xestores e investigadores estanse enfrontando a uns desafíos sen precedentes no ámbito da sanidade forestal debido ao rápido incremento de pragas e enfermidades que comprometen o bo funcionamento dos montes e das que non se ten experiencia previa.
Moitas destas pragas e enfermidades son introducidas, pero outras eríxense en especies nativas que empezan a comportarse como pragas aínda que antes non o eran. As causas fundamentais deste problema radican en tres piares que deben ser analizados polo miúdo: os cambios que se están a producir no clima, no uso da terra e na distribución global de organismos.