Ir o contido principal

A de Santiago atópase entre as universidades cun mellor rendemento académico

A de Santiago atópase entre as universidades cun mellor rendemento académico
A de Santiago atópase entre as universidades cun mellor rendemento académico
O University Ranking by Academic Performance sitúaa como a oitava de España e a 337 do mundo atendendo á calidade a á cantidade das súas publicacións científicas

Segundo o University Ranking by Academic Performance (URAP), a Universidade de Santiago é a oitava de España e a 337 de entre máis de dous millares de institucións universitarias de todo o mundo atendendo ao seu rendemento académico. Dende 2009, URAP recolle anualmente datos sobre 2.500 institucións de ensino superior para avaliar a calidade e cantidade das súas publicacións e clasificalas polo seu rendemento académico. Para realizar a listaxe, analízanse seis indicadores: o número de artigos publicados; o índice de citación; o total de documentos científicos producidos; o impacto científico das publicacións; o impacto total das citacións; e a colaboración internacional. De entre estes indicadores, a maior influencia sobre a avaliación final recae nos dous primeiros, entendéndoos como a medida da produtividade científica actual (en base aos artigos publicados en 2011 e indexados por Web of Science), e a do impacto da investigación marcado segundo o número total de citas recibidas en 2011 polos artigos publicados no período 2007-2011 e indexados polo ISI (estando excluídas as autocitas). O seguinte criterio cunha maior incidencia na avaliación final é o relativo ao impacto científico que se obtén mediante a suma dos factores de impacto das revistas nas que unha universidade publicou artigos entre 2007 e 2011. Séguenlle a medida da calidade da citación recibida, calculada en base aos factores de impacto das revistas onde se publican os artigos que citan, e a aceptación global da universidade definida polo número total de publicacións realizadas en colaboración con universidades estranxeiras. Finalmente, o ranking avalía tamén a sustentabilidade e a continuidade da produtividade científica polo número total de documentos que abarca a literatura académica, incluíndo relatorios, reseñas, cartas, discusións, guións, ademais de artigos de revistas publicados en 2011. De entre as españolas, a de Santiago atópase no grupo que lidera a Universidade de Barcelona e no que tamén se atopan, por orde, a Autónoma de Barcelona, Complutense de Madrid, Valencia, Autónoma de Madrid, Granada e Zaragoza. Na edición correspondente ao período 2012-2013, a USC rexistra un posto no ranking similar ao de 2011-2012 cando foi sétima de entre as españolas e 336 do mundo, e mellora o de 2010-2011 cando foi 340 no plano internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2013.