Santiago de Compostela será durante dous días a capital mundial da investigación en Bioeconomía
A XXIV edición do congreso internacional BIOECON, de carácter anual e rotatorio, terá lugar por primeira na contorna estatal en Compostela, do 31 de agosto ao 1 de setembro. A USC exercerá como anfitroa deste encontro que reúne a comunidade científica e académica experta en Bioeconomía e que converterá a cidade en capital mundial do debate arredor da xestión sustentable en múltiples áreas: recursos mariños, forestais ou enerxías renovables, entre outras.
O evento, cun comité local presidido pola catedrática da USC María Loureiro, reunirá preto dun cento de participantes, con persoal investigador procedente de países como Alemaña, China, España, Francia, India, Israel, Italia, Noruega, Reino Unido ou Xapón, entre outros.
Baixo o lema ‘Biodiversidade e Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable’, este congreso a prol da xestión sostible dos recursos naturais e ambientais ten como obxectivo común e compartido a busca dunha conexión harmónica entre a economía e o uso dos recursos, e conta co apoio de ECOBAS, o centro galego de investigación en sustentabilidade.
Personal investigador de prestixio internacional
A XXIV edición da BIOECON conta coa participación de figuras convidadas de primeira orde, referencias internacionais no eido da xestión dos recursos forestais e dos recursos mariños.
Así, a profesora Erin Sills, da Universidade de Carolina do Norte, abrirá o programa o 31 de agosto ás 9.30 horas, cunha sesión plenaria na que ofrecerá a súa visión sobre xestión forestal e sobre a crecente deforestación nalgúns países do mundo, así como os resultados de distintas políticas desenvolvidas a nivel mundial para evitala ou reducila.
Na segunda xornada do congreso, o día 1 de setembro, o profesor Rashid Sumaila da Universidade British Columbia impartirá ás 9.30 horas unha conferencia maxistral sobre a necesidade de introducir criterios de sustentabilidade na xestión dos océanos.
A visésimo cuarta edición da BIOECON terá lugar na Hospedería San Martin Pinario e o programa completo está dispoñible na web do congreso.
Sobre ECOBAS
ECOBAS é un centro de investigación interuniversitario que aspira a ser referente internacional no eido da sustentabilidade económica, ambiental e social. Integrado por 84 académicas e académicos das tres universidades galegas, o centro traballa para dar resposta aos grandes retos e desafíos da sociedade mediante a investigación de excelencia, a docencia, a divulgación e a transferencia de coñecemento.