Ir o contido principal

Santiago de Compostela reunirá a vindeira semana a elite investigadora da Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear

Santiago de Compostela reunirá a vindeira semana a elite investigadora da Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear
Santiago de Compostela reunirá a vindeira semana a elite investigadora da Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear
As V Xornadas do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN) celébrase por vez primeira en Galicia, destacando a contribución dos grupos da USC a experimentos...

Douscentos expertos danse cita en Compostela a vindeira semana, entre os días 25 e 27, para abordar os retos do Gran Colisionador de Hadróns (LHC) a partir do seu reinicio en 2015, para analizar os últimos avances en física nuclear ou para tratar a próximo elección da sede do observatorio de raios gamma CTA, onde España propón candidatura. Será nas quintas xornadas do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN). No programa deseñado polo comité organizador que encabeza o profesor da Facultade de Física da USC José Luís Miramontes exporanse os resultados máis interesantes aos que teñen contribuído os grupos de investigación españois que participan nos experimentos do LHC. Neste senso, destacan os avances no estudo das diferenzas entre materia e antimateria e que explicarían porque o universo visible está formado por un tipo de partículas e non polo seu oposto. Este estudo concéntrase principalmente no experimento LHCb, cunha importante participación do grupo de investigación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC (IGFAE), responsable da organización deste encontro que se celebra por vez primeira en Galicia. Durante as V Xornadas CPAN exporanse tamén modelos teóricos elaborados a partir dos resultados obtidos ata agora no LHC co obxectivo de predicir onde se atopa a ansiada “nova física”. Así, será obrigada á referencia ao recente descubrimento do bosón de Higgs, respecto do que os científicos reunidos en Compostela analizarán si se trata do primeiro dunha nova familia de partículas. Neste mesmo senso, unha das teorías más coñecidas que se está reelaborando á luz dos datos do LHC é a chamada supersimetría, que postula a existencia de partículas ‘compañeiras’ das coñecidas pero con moita maior masa. Astropartículas En Santiago de Compostela se comentarán tamén os resultados máis destacados do ano no eido da Física de Astropartículas, disciplina entre a Astronomía e a Física de Partículas. A detección polo experimento IceCube de neutrinos de alta enerxía (miles de veces a producida en aceleradores de partículas) de orixe astrofísico, os primeiros avances do detector AMS emprazado na Estación Espacial Internacional na súa busca de antimateria e materia escura e os datos do experimento GERDA, unha das investigacións orientadas a descubrir se o neutrino é a súa propia antipartícula, serán algúns dos temas centrais, neste eido. Maior observatorio do mundo de telescopios Cherenkov Outro dos temas destacados neste encontro CPAN será a decisión relativa ao emprazamento da sede no hemisferio norte do que será o maior observatorio do mundo de telescopios Cherenkov, CTA. España, como un dos 27 países que forma a colaboración internacional, aspira a albergar a sede na illa de Tenerife. Tamén se prestará atención á contribución española á construción do futuro laboratorio de referencia en Europa en física nuclear, FAIR, con proxectos como AGATA ou CALIFA, este último liderado pola Universidade de Santiago, Gas radón e física do sabor As aplicacións da física nuclear contan tamén cun importante espazo específico: por un lado discutiranse sistemas que permitan unha mellor medición das concentracións de gas radón, gas nobre de orixe radioactivo que presenta maiores concentracións en Galicia, e exporanse sistemas para refinar as medicións dos elementos procedentes do combustible nuclear. Por outra parte, os investigadores da Rede Española en Flavour Physics (Física do sabor), disciplina que estuda as propiedades da materia a nivel fundamental, analizarán resultados que mostran discrepancias coa teoría obtidos no experimento LHCb do CERN e no experimento BaBar de SLAC (EE.UU.), ambos con participación española. LHC Actualmente, o LHC atópase na súa primeira parada de mantemento para volver a funcionar en 2015 á súa máxima potencia. Os grupos de investigación españois explicarán en Santiago a súa contribución á mellora do maior acelerador de partículas do mundo e como influirá no aumento do seu potencial de descubrimento. Nos seus primeiros tres anos, o LHC superou as expectativas: ademais de atopar o bosón de Higgs e confirmar a teoría sobre a orixe da masa que lles valeu o Nobel de Física a Peter Higgs e François Englert, acumulou gran cantidade de datos que permitiron aos físicos obter interesantes resultados. CPAN Dende hai cinco anos, o CPAN, proxecto Consolider-Ingenio 2010, celebra esta reunión anual para fomentar a coordinación da comunidade científica española nestas áreas da Física. Ademais, nas V Xornadas CPAN entregaranse os premios do IV concurso de divulgación do CPAN.

O CPAN está formado por más de 400 científicos de 26 grupos de investigación do CSIC, o CIEMAT e varias universidades, entre elas a de Santiago de Compostela. Os seus obxectivos son a promoción e coordinación científica da participación española en proxectos internacionais como o LHC, o desenvolvemento de actividades comúns de I+D e a formación e incorporación aos grupos de investigadores e técnicos. O CPAN pretende consolidar estas actuacións mediante a constitución dun centro de carácter permanente, análogo aos existentes noutros países de contorno.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2013.