Santiago Galdo nomeado presidente da SEPNECA

A SEPNECA é unha sociedade científica de referencia no ámbito da psicofisioloxía, a neurociencia cognitiva e a neurociencia afectiva, dedicada a promover a investigación, a formación e o intercambio entre investigadoras e investigadores de diferentes institucións, tanto do Estado español como doutros países. Desde a súa creación nos anos noventa, contribuíu a consolidar unha comunidade científica sólida, diversa e colaborativa que impulsa o avance da psicoloxía e das neurociencias.
A designación tivo lugar durante o XIV Congreso de SEPNECA, celebrado a pasada semana en Baeza (Xaén), un encontro que reuniu a investigadoras e investigadores de múltiples universidades e centros de investigación para compartir os últimos avances sobre cognición, emoción e actividade cerebral. Varias persoas do IPsiUS participaron activamente no congreso, presentando comunicacións e contribuíndo ao intercambio científico.
O nomeamento do Dr. Galdo supón un recoñecemento á súa destacada traxectoria e ao seu compromiso coa excelencia científica, a colaboración interdisciplinar e o fortalecemento da comunidade investigadora. Desde o IPsiUS, trasladámoslle os nosos parabéns máis sinceros e desexámoslle moito éxito nesta nova etapa á fronte da SEPNECA.
Estamos seguras e seguros de que o seu liderado seguirá reforzando o papel da investigación en psicofisioloxía e neurociencia cognitiva e afectiva, e que continuará impulsando o crecemento e a visibilidade desta comunidade científica.