Ir o contido principal

A de Santiago, primeira Universidade española que consegue a certificación OHSAS 18001 sobre seguridade e saúde laboral para oito dos seus centros

O reitor, Senén Barro e o presidente de AENOR, Manuel López Cachero, cos vicerreitores de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e  Calidade e Planificación, Xosé Manuel Mayán e  Dolores...
O reitor, Senén Barro e o presidente de AENOR, Manuel López Cachero, cos vicerreitores de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e Calidade e Planificación, Xosé Manuel Mayán e Dolores...

O presidente da Asociación Española de Normalización y Certificación (AENOR), Manuel López Cachero, entregou este luns na Universidade de Santiago as certificacións de Seguridade e Saúde no Traballo conforme ao documento internacional OHSAS 18001, para oito dos seus centros, sendo a compostelá a primeira Universidade española que as consegue. No ámbito estatal, AENOR emitiu máis de 650 certificados baseados en OHSAS 18001.
Os centros que reciben esta certificación son o Instituto de Cerámica de Galicia, a Escola Infantil Breogán e as residencias e colexios maiores que forman o Servizo Universitario de Residencias (SUR), isto é, os Colexios Maiores Rodríguez Cadarso, San Clemente e Fonseca, e as Residencias Burgo das Nacións, Monte da Condesa e Xesús Bal e Gay.
Estas certificacións recibíronas os directores destes centros nun acto protocolario celebrado primeiro en Lugo e logo en Santiago no que interviñeron, ademais de Manuel López Cachero, o reitor Senén Barro e o coordinador do Servizo de Prevención de Riscos da USC, Enrique Macías. Asistiron ademais o xerente da USC, Pedro García; o director da Delegación de AENOR en Galicia, Martín Pita; e os vicerreitores de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, de Calidade e Planificación, Dolores Álvarez, e de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán.
Especificación OHSASA pesar de que xa dispuña dende 2004 dunha Política de Prevención de Riscos Laborais e, dende 2006, dun Plan de Prevención de Riscos, a USC optou por implantar, co apoio do Servizo de Prevención de Riscos da USC, un Sistema Integrado de Xestión certificable para dar cumprimento aínda máis eficaz ás súas obrigas e compromisos en materia de riscos laborais. Neste contexto, propúxose implantar e certificar nos oito centros citados este Sistema, que seguirá o modelo da especificación OHSAS ‘Occupational Health and Safety Management Systems’, Sistema de xestión de seguridade e saúde laboral.
A guía OHSAS foi deseñada por un grupo internacional de entidades de certificación e de normalización co obxecto de que as empresas dispuxesen dun método recoñecido para que os seus sistemas de xestión puidesen ser avaliados e certificados. Trátase dunha especificación que require de políticas e procedementos moi estritos, ademais de ter un alto grao de compatibilidade coas ISO 9001 de Calidade e ISO 14001 de Medio Ambiente, que xa ten certificadas a propia USC.
Sistema Integrado de Xestión certificableO sistema inclúe a estrutura organizativa, a planificación de actividades, as responsabilidades, os procedementos e os recursos necesarios para desenvolver, implantar, levar a efecto e manter ao día a súa política de seguridade laboral.
Como resultado elaboráronse ou adaptáronse procedementos para a identificación de perigos e avaliación e control de riscos; preparación e resposta ante urxencias con plans de autoprotección e realizacións de simulacros; xestión de incidentes, coa investigación sistemática de accidentes e enfermidades profesionais; e coordinación de actividades con outras empresas que realizan traballos na USC.
O sistema abrangue ademais a xestión de equipos de protección individual para os traballadores, a adquisición de equipos, produtos e substancias químicas e o control de instalacións sometidas a regulamentos industriais. Outro aspecto importante é o control dás condicións de traballo, a vixilancia da saúde polo servizo médico e a protección da maternidade.
Finalmente, están contemplados os plans de formación dos traballadores en materia de prevención e seguridade; os procedementos de comunicación de riscos e de consulta ós delegados de prevención; e o control de datos, xestión da documentación e actualización periódica dos requisitos legais.
O longo e complexo proceso de implantación desta certificación durou case dous anos, durante os cales foi necesario cumprir unha serie de requisitos relativos ás instalacións (eléctricas, calefacción, protección contra incendios, etc.). Ao remate, AENOR auditou e certificou que o Sistema cumpre a especificación OHSAS, sendo a USC a primeira universidade española que o consegue.
AENOR, líder en certificaciónA Asociación Española de Normalización y Certificación (AENOR) é a entidade legalmente responsable do desenvolvemento das normas técnicas en España (Normalización). Así mesmo, é líder en Certificación tanto numericamente como na consideración de todos os axentes económicos. Ten presenza permanente en oito países de América e Europa e emitiu certificados en máis de 60 en todo o mundo.
A finais de setembro AENOR levaba emitidos cerca de 47.000 certificados, dos que 22.930 corresponden a sistemas de xestión da calidade (segundo a norma internacional ISO 9001) e 5.060 a sistemas de xestión ambiental (ISO 14001). O resto refírense a certificación de produto e servizos e a novos campos de certificación, como Calidade Comercial, I+D+i, Seguridade e Saúde no Traballo (OHSAS), Automoción -ISO/TS 16949- ou Alimentación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2008.