Ir o contido principal

A de Santiago, entre as primeiras universidades españolas por produción científica e oferta docente

A de Santiago, entre as primeiras universidades españolas por produción científica e oferta docente
A de Santiago, entre as primeiras universidades españolas por produción científica e oferta docente

Os ránking CWTS Leiden ou o das 50 Carreiras máis demandadas son os últimos listados comparativos nos que a USC volve ocupar postos destacados de entre as universidades españolas, tanto no relativo á súa produción científica como á calidade da súa oferta docente. No ránking anual das 50 carreiras máis demandadas do sistema universitario español e dos centros máis demandados para cursalas, a USC sitúa seis titulacións entre as máis solicitadas polo estudantado. O grao en Enxeñaría Química de Santiago obtén o mellor resultado ao situarse como o segundo mellor lugar de España para cursar esta titulación. En terceiro lugar figuran Farmacia; no cuarto Matemáticas e Ciencias Políticas e da Administración; e no quinto, Óptica e Optometría e o grao en Historia. O cadro de honra do sistema universitario galego das titulacións máis demandas, complétano os graos en Terapia Ocupacional (1º), Fisioterapia (2º) e Edificación (4º) da Universidade da Coruña, e Belas Artes (5º) no Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Para a elaboración desta comparativa, o xornal El Mundo utiliza como indicadores de análise un cuestionario ao profesorado, que supón o 40% da valoración final, e unha serie de datos demandados ás propias universidades (representando o 50% da valoración final), entre os que se atopan unha serie de consideracións como a demanda universitaria, recursos humanos, recursos físicos, planos de estudo e indicadores de calidade. O 10% restante da valoración final está vinculado a outros resultados externos, informes da Aneca ou de universidades españolas e as posicións acadadas en ránkings. Ránking CWTS Leiden A partir da clasificación de 750 universidades ao longo do mundo coa maior contribución en revistas científicas internacionais no período 2009-2012, o ránking CWTS Leiden 2014 sitúa á Universidade de Santiago no décimo primeiro posto das institucións universitarias españolas e no posto 441 de entre todas as universidades avaliadas atendendo ao impacto da súa produción investigadora. A clasificación baséase nos datos da base de datos bibliográfica Web of Science producido por Thomson Reuters. Xunto á valoración global do volume de produción científica de cada universidade, o ránking de Leiden inclúe unha análise baseado en sete cambios científicos. De entre as 28 universidades españolas incluídas, a USC figura no terceiro posto nos campos das Ciencias cognitivas e no de Matemáticas, ciencias da computación e enxeñaría. Ademais sitúase cuarta pola investigación xerada sobre a Terra e as ciencias ambientais e décima pola das Ciencias Sociais. A produción científica da institución académica compostelá no ámbito das Ciencias naturais (10º posto das universidades españolas), Ciencias da Vida (16º) e Ciencias Médicas (17º) completan os campos avaliados nesta listaxe. Selección

As 750 universidades deste ránking foron seleccionadas en función da súa contribución en forma de artigos e artigos de revisión publicados en revistas científicas internacionais entre 2009 e 2012. A contribución da universidade a un artigo calcúlase polo número de afiliacións mencionadas no artigo. Unicamente se incluíron as publicacións nas principais revistas, concretamente era preciso dispor do equivalente a máis de 1.000 documentos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2014.