Santiago reúne aos directores dos máis importantes medios de comunicación latinoamericanos
Os máximos representantes do xornalismo latinoamericano daranse cita na capital galega entre os días 26 e 28 de xaneiro para participar no Congreso de Análise sobre Latinoamérica ‘Construíndo Eurolat. As relacións de Latinoamérica e a Unión Europea’, un encontro organizado polo Grupo Diariocrítico e Prestomedia e dirixido polo xornalista Fernando Jáuregui.
A inauguración terá lugar este luns 26, ás 9:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, nun acto presidido polo titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, e que contará ademais coa presenza do reitor Senén Barro; do director do Grupo Diariocrítico, Fernando Jáuregui; do presidente europeo da Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana, José Ignacio Salafranca; e do Director de Estratexia de Medios de Telefónica, Carmelo Calvo. Fernando Onega será o encargado de conducir o acto.
Previamente á apertura oficial, os asistentes ao congreso reuniranse co reitor compostelán, ás 9:00 horas na Biblioteca América do Colexio de Fonseca, para coñecer da súa man a historia da Universidade que os acolle.
Nesta cuarta edición, que logo da inauguración se desenvolverá enteiramente na Facultade de Ciencias da Comunicación, está prevista a participación de setenta xornalistas de 25 países -entre eles os directores dos catorce xornais máis importantes de América Latina-, embaixadores en Madrid e na UE, directores de medios de comunicación galegos e españois e representantes políticos de gran experiencia internacional.